A Xunta participa na conmemoración no Arcebispo Xelmírez II do 175 aniversario do instituto compostelán

O director xeral de Centros e Recusos Humanos da Consellería de Educación sinala o centro como un referente na formación de xeracións de galegos

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2021

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo, participou esta tarde no instituto Arcebispo Xelmírez II, en Santiago, nos actos de celebración do 175 aniversario do centro. O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade sinalou o IES como “toda unha institución educativa en Galicia que leva xa preto de dous séculos formando a xeracións de galegas e galegos” e agradeceu o esforzo adicional realizado pola comunidade educativa neste curso excepcional no marco da pandemia da covid-19.

O director xeral puxo en valor o traballo deste instituto para adaptarse aos tempos e continuar sendo un centro de referencia, a través do desenvolvemento de programas innovadores como o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMBach) ou os contratos-programa e animounos a seguir traballando nesta liña. “O voso labor pervive a través do tempo nos alumnos que se formaron nas aulas do Xelmírez desde a súa fundación, pero tamén nos que se seguen formando neste momento e os que se continuarán formando no futuro”, destacou.