O presidente da Xunta clausurou este mediodía o foro El turismo en la Eurorregión Galicia-Norte de Portugal

Feijóo destaca o compromiso por facer de Galicia un territorio seguro para vir, estar e para desfrutar, con medidas como o Seguro Covid, que entrou en vigor esta semana

Expresa a posibilidade, unha vez que toda a poboación galega estea inmunizada, de que os turistas que nos visiten reciban a vacina a través deste seguro

Resalta o compromiso expresado polo presidente da República de Portugal co Xacobeo 21-22 e incide no apoio da Xunta ás rutas portuguesas, a través de distintos investimentos e actuacións

Recorda que todo o que se faga poderá ter un efecto multiplicador se vén acompañado de infraestruturas como o AVE

Destaca que a Xunta seguirá apoiando ao sector como xa o fixo coa posta en marcha do Bono ou coa inxección máis de 560M€ en axudas directas, dos que 416 millóns, se corresponden cos tres Plans de rescate
 

Sanxenxo (Pontevedra), 4 de xuño de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o compromiso por facer de Galicia un territorio seguro para vir, estar e para desfrutar, con medidas como o seguro covid, que entrou en vigor esta semana. Unha iniciativa, explicou, sen custo para o viaxeiro e que dá un plus de tranquilidade aos visitantes ante unha posible infección ou estancia por corentena, con cobertura mesmo en caso de repatriación sanitaria internacional.

Así mesmo, e unha vez que toda a poboación galega estea inmunizada, o titular do Goberno galego expresou a posibilidade de que os turistas que nos visiten reciban a vacina a través deste seguro.

Durante a clausura do foro El turismo en la Eurorregión Galicia-Norte de Portugal, Feijóo incidiu en que a confianza e a seguridade son dous elementos clave para a reactivación do sector. E, nesta liña resaltou o esforzo que leva facendo a Administración autonómica neste eido: ofrecendo un teléfono especial para o viaxeiro, no que se atende aos non residentes ante calquera síntoma sospeitoso de covid; poñendo en marcha un certificado dixital de vacinación, dispoñible a través do teléfono móbil; cun rexistro de viaxeiros para facilitar as tarefas de rastreo de contactos; ou coa realización de test de antíxenos nos aeroportos galegos.

Consciente de que, por riba de todo, a mellor medida de seguridade que se pode ofrecer é a vacinación, o titular da Xunta subliñou que, neste momento, máis do 52% da poboación galega ten polo menos unha dose, e este fin de semana alcanzarase o 30% da poboación completamente inmunizada.

Galicia e a oportunidade do Ano Santo 21-22

Así mesmo, referiuse novamente á oportunidade que supón a celebración do Ano Santo 21-22 para a reactivación do sector. E, con este obxectivo incidiu en que Galicia chega cos deberes feitos: cun Plan Director para preparar os Camiños e cun Plan estratéxico do Xacobeo, que suman en total un investimento de 180 M€.

“Queremos que Galicia e o Xacobeo sexan un espello que visibilice un turismo sustentable, natural e de calidade; que sexan un foco mundial dunha celebración global como é o Ano Santo”, abundou.

Nesta liña, ademais do compromiso expresado polo presidente da República de Portugal, que acudirá a Santiago este ano, Feijóo resaltou o apoio do Executivo autonómico coas rutas portuguesas. cun investimento de dous millóns de euros para a mellora e a sinalización dos itinerarios. Así, entre as actividades programas con Portugal, para divulgar e aproveitar este Xacobeo 21-22, destacou: unha unidade móbil Xacobeo para difundir este acontecemento en Porto e Braga; a celebración dun Cumio Ibérico en Galicia; a presentación do Xacobeo en Lisboa e Porto; a celebración da I Xornada internacional de Estudos Jacobeus en Coímbra; e o desenvolvemento da asemblea extraordinaria da Federación Europea dos Camiños, no país veciño.

Así mesmo, asegurou que Galicia seguirá traballando para, a través dos fondos Next Generation, seguir estreitando as relacións económicas, culturais e turísticas entre ambos territorios. Ao respecto, salientou iniciativas como a ampliación da ponte Salvaterra-Monçao; a construción dunha ponte peonil e ciclista na eurocidade Tomiño-Vila Nova da Cerveira; e a creación do primeiro parque transfronteirizo de ocio, de case 26 hectáreas, entre Goián e Vilanova da Cerveira.

Logo de recordar que todo o que se faga poderá ter un efecto multiplicador se vén acompañado de infraestruturas como o AVE, Feijóo concluíu afirmando que a Xunta seguirá apoiando ao sector como xa o fixo coa posta en marcha do Bono ou coa inxección de 560 millóns de euros en axudas directas, dos que 416 millóns, corresponden aos tres Plans de rescate.
 

Imaxes relacionadas