Lete Lasa insiste na menor incidencia da covid no deporte federado no estreo da batalla de Rande como proba da Federación Galega de Natación

Di que “para conseguir o tesouro da proba máis dura da natación en augas abertas de España e unha das máis duras de Europa, os 78 deportistas han de coñecer os segredos da baía de Vigo”

Lembra a importancia do deporte federado como demostra o estudo do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña e o protocolo FISICOVID-DXTGALEGO

Vigo, 4 de xuño de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa e mais a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, presentaron esta mañá a IX Edición da Travesía a Nado Batalla de Rande – Trofeo Carlos Conde que terá lugar o vindeiro 19 de xuño de 2021e cubrirá os 27 quilómetros entre as Illas Cíes e a Illa de San Simón.

O mandatario galego fixo un repaso da historia da Batalla de Rande e o mito que conta que alí atópase soterrado o tesouro dos galeóns españois que viñan de América, asegurando que “para conseguir o tesouro da proba máis dura da natación en augas abertas de España e unha das máis duras de Europa, os 78 deportistas han de coñecer tamén os segredos da baía de Vigo”. Uns segredos que enumerou como “a lonxitude do percorrido, 27 quilómetros; as correntes existentes na ría e a temperatura da auga, 15º e con tramos de 13º”.

Lete Lasa tamén sinalou como un dos segredos máis importantes de Galicia, “a inigualable paisaxe marítima galega como demostran o parque nacional das illas Cíes e a illa de San Simón e que conforma unha espléndida contorna que conta cun indubidable interese deportivo e turístico”. Deste xeito salientou que “a saúde e o benestar van, obrigatoriamente, collidos da man da natureza e o deporte”.

Nesta liña lembrou o estudo preliminar do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña en colaboración co Sergas que asegura que a incidencia da enfermidade pola COVID-19 é inferior no deporte federado nos mesmos rangos de idade e en ambos os sexos que na poboación xeral. Asemade, subliñou a importancia do FISICOVID-DXTGALEGO, o protocolo de actuación de todo o sector deportivo galego durante a pandemia.

Por todos estes motivos que poñen de manifesto os beneficios da actividade física federada, Lete Lasa fixo fincapé en que este ano e por primeira vez, “todos os participantes, os 78, son deportistas federados e que tamén é o primeiro ano en que o Club Natación Batalla de Rande toma a substitución da Asociación Deportiva Illas Cíes-San Simón na organización da proba e tamén, por primeira vez, da man da Federación Galega de Natación”.

Imaxes relacionadas