O contrato dará servizo a Augas de Galicia no estudo das estruturas en 548 km de ríos

A Xunta recibe 8 ofertas para inventariar as infraestruturas das 170 áreas fluviais con maior risco de inundación da demarcación Galicia-Costa, cun investimento de case 1,3 M€

Das ofertas presentadas, 5 están conformadas por UTE, o que supón un total de 13 empresas

Identificaranse as distintas tipoloxías de defensa e protección nos encauzamentos e canalizacións dos ríos, a través de muros, recheos ou dragados, para a análise do seu efecto e para priorizar solucións para minimizar o risco de inundacións

Rexistrará todas as estruturas que permiten o cruce de estradas ou do ferrocarril sobre o río, para establecer unha estratexia de redución de riscos e garantir o seu correcto funcionamento en situacións de avenida

Estes traballos facilitarán o deseño de medidas para paliar, minimizar ou controlar as inundacións, así como para a mellora da condición ecolóxica dos ríos

A Xunta ten aberta ata o vindeiro 30 de xullo a participación pública do novo Plan de xestión de risco de inundacións 2021-2027, que se agarda aprobar a finais de ano

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2021

A Xunta recibiu 8 ofertas para realizar un inventario das infraestruturas que existen nas marxes dos ríos das 170 áreas con maior risco de inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, que suporá un investimento de case 1,3 millóns de euros.

Destas 8 ofertas presentadas, 5 delas están conformadas por UTE, o que supón un total de 13 empresas.

Os traballos obxecto deste contrato, que contan cun prazo de execución de 18 meses, inclúen a análise de todas as áreas fluviais delimitadas de forma provisional no novo Plan de xestión de risco de inundación de Galicia-Costa, correspondente ao ciclo 2021-2027, e que suman unha lonxitude total de 548 km de ríos.

Dunha banda, os traballos consistirán en identificar as infraestruturas de defensa lonxitudinal fronte a inundacións e a protección de marxes ao longo destas áreas de risco, como poden ser os encauzamentos e canalizacións, a través de diferentes tipoloxías como muros ou motas. Tamén se inclúen as coberturas ou entubamentos, recheos e dragados.

Por outra banda, prevese a identificación das infraestruturas de drenaxe transversal, que son as que permiten o cruce de estradas ou das vías do ferrocarril sobre o río, xa sexan pontes ou outras estruturas.

A catalogación permitirá recompilar e inventariar todas as infraestruturas da entorna deste ríos e rexistralas, para posteriormente establecer unha estratexia para a redución do risco de inundación, á vez que se garante o correcto funcionamento da estrada ou ferrocarril en situacións de avenida.

No marco deste traballo, formularanse distintas solucións técnicas para a mellora do funcionamento destas infraestruturas e, ao mesmo tempo, proporase unha priorización das posibles medidas atendendo á perigosidade, risco e importancia das mesmas.

Estes inventarios e a súa posterior análise, constituirá unha ferramenta máis para axudar a Augas de Galicia no estudo do comportamento e do efecto desas infraestruturas no río, e posibilitará facer unha proposta de medidas dunha forma máis integral, de modo que permitan paliar, minimizar ou controlar as inundacións, pero tendo presente tamén a mellora da condición ecolóxica do río.

Avaliación de riscos permanente

Cómpre lembrar que Augas de Galicia redacta e revisa cada seis anos a avaliación preliminar do risco de inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa. Desde o 1 de maio e ata o vindeiro 30 de xullo está aberto á participación pública o novo Plan de xestión de risco de inundacións 2021-2027, que se agarda aprobar a finais de ano.

En paralelo, Augas de Galicia desenvolve os plans específicos de xestión en 9 zonas fluviais con maior risco de inundacións. Trátase das contornas do río Umia, en Caldas de Reis e Portas; Anllóns, en Carballo; Campeda, en Vimianzo; Bahíña e o Groba, en Baiona; Lagares, en Vigo; Fontecova e Trasposta, en Viveiro; e o río Ulla-Sar, en Padrón, Dodro, Rianxo, Rois, Catoira, Pontecesures e Valga.

Estes plans recollen medidas e actuacións paliativas e preventivas de aplicación polas distintas administracións, Xunta e concellos, para minimizar o risco de enchentes.

O departamento que preside Ethel Vázquez segue apostando pola colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias.