A Xunta finaliza as obras de construción do novo centro de saúde do Saviñao, ás que destinou 1,1 M€

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que trala recepción do edificio, só resta realizar os axustes da instalación eléctrica e as conexións informáticas para poder iniciar o proceso de posta en marcha

A nova infraestrutura sanitaria ten 182 metros cadrados máis que a actual, o que permite incorporar servizos como unha sala de toma de mostras e unha consulta de enfermería pediátrica

O Saviñao (Lugo), 4 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia rematou as obras de construción do novo centro de saúde de Escairón (O Saviñao), ás que destinou un orzamento de 1,1 millóns de euros (a execución foi adxudicada por 1.125.135 euros).

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, explicou hoxe que trala recepción do edificio, só resta realizar os axustes da instalación eléctrica e as conexións informáticas para poder iniciar o proceso de posta en marcha.

O novo ambulatorio ten 182,67 metros cadrados máis de superficie que o actual -pasa de 562 metros cadrados a 745 -, o que permitirá incorporar servizos como unha sala de toma de mostras e unha consulta de enfermería pediátrica. Como novidade, tamén se habilitou unha sala de estar do persoal e noutro espazo diferenciado os vestiarios.

O inmoble, de planta baixa, está ubicado no núcleo urbano de Escairón, nunha parcela de 2.060 metros cadrados que fai esquina entre as rúas Valle Inclán e Mercado. No deseño tivéronse en conta criterios de integración na contorna.

A área médica consta de sete consultas, tres de medicina, outras tantas de enfermería e unha polivalente. Na zona pediátrica dispón dunha consulta de Pediatría e outra de enfermería.

O acceso faise a través dun vestíbulo amplo no que se atopan o mostrador de recepción, os aseos públicos e a área de espera. O inmoble tamén dispón dunha sala de reunións para o persoal e zona de arquivo de historias clínicas.

Arias destacou que os Orzamentos da Xunta para 2021 contemplan un incremento do 108% no capítulo de investimentos para Atención Primaria, pasando de 26 millóns en 2020 a 55 millóns de euros neste ano 2021. En particular, na provincia de Lugo está en execución o Centro Integral de Saúde da capital e acaba de saír a licitación o proxecto de construción dun novo centro de saúde para Antas de Ulla. Ademais, están en tramitación convenios cos respectivos concellos para mellorar os ambulatorios de Friol e Palas de Rei.

Imaxes relacionadas