O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade participa na clausura da terceira edición dos cursos de xestión investigadora

Román Rodríguez reafirma o compromiso da Xunta coas tres universidades galegas para consolidar un sistema de investigación punteiro e internacionalmente recoñecido

Destaca o esforzo para avanzar nun modelo propio, co apoio á carreira investigadora e a blindaxe da financiación dos centros de investigación punteiros

Lembra que as xornadas de xestión estratéxica (GESCI) e operativa (GOSCI) organizadas por Feuga en colaboración coa Xunta son un programa formativo único en España

Avanza que a ex secretaria de Estado de Investigación, Carmen Vela, -presente no acto- se vai incorporar ao comité asesor da Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, destacou o potencial investigador das tres universidades galegas, que foron quen de consolidar un sistema punteiro e recoñecido no panorama nacional e internacional “grazas a anos de traballo duro, discreto e constante” que as converte “nos principais axentes científicos que temos en Galicia, tanto en termos cuantitativos como cualitativos”.

Así o asegurou esta mañá con motivo da clausura da terceira edición dos cursos en xestión estratéxica de centros e unidades de investigación de excelencia (GESCI) e en xestión operativa (GOSCI) dirixida a directores e investigadores dos Centros de Investigación e das Agrupacións Estratéxicas de Galicia, un programa formativo único en España desenvolvido pola Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga) e impulsado pola Xunta de Galicia a través dun convenio específico con esta entidade.

No acto, que contou coa presenza do reitor da UDC e presidente de Feuga, Julio Abalde, e da directora de proxectos colaborativos Eurofins Technologies-Ingenasa e ex secretaria de Estado de Investigación, Desarrollo e Innovación, Carmen Vela, Román Rodríguez referiuse ao papel tractor que exercen os Centros de Investigación das tres universidades que se agrupan baixo o selo GUS e que cuxo financiamento estrutural está blindado gracias ao apoio da Xunta a través dun investimento de 18M€. Así mesmo aproveitou para avanzar que Carmen Vela se vai incorporar ao grupo de asesoramento permanente da Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou ademais que Galicia “é a única Comunidade cun programa completo de formación investigadora que abrangue toda a carreira científica” e que inclúe as etapas predoutorais e posdoutorais e o apoio a captación e retención de talento.

Finalmente, o conselleiro referiuse a que xornadas como a que hoxe se clausura revélanse “tremendamente frutíferas” na medida en que é necesario que os centros de investigación punteiros conten con directivos con capacidade de xestión e de liderado. Neste senso, aproveitou para agradecer a Lluís Rovira, director académico do programa e director da rede CERCA (Centros de Investigación de Cataluña); o labor de coordinación desenvolvido na organización deste encontro formativo que vai pola súa terceira edición.

Programa formativo pioneiro

En concreto, GESCI (xestión estratéxica de centros e unidades de investigación de excelencia) ten como obxectivo potenciar as capacidades dos directores dos centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia para que lideren as unidades e centros galegos de I+D sobre unha base de eficiencia, responsabilidade e excelencia científica, impulsando a modernización destas institucións e consolidando a súa planificación estratéxica.

Pola súa banda GOSCI (xestión operativa de centros e unidades de investigación de excelencia) ten como finalidade potenciar as capacidades dos xestores de unidades e centros galegos de I+D para que impulsen internamente a eficiencia e contribúan desde a xestión á excelencia e liderado científico.

A metodoloxía de ambos programas baséase nun traballos asistido e interactivo que combina as exposicións teóricas coa realización de exercicios e casos prácticos. Os cursos contan, así mesmo, cun panel docente, nacional e internacional, integrado por profesionais de gran prestixio cuxo talento, coñecemento e experiencia directiva failles ser referentes nas súas áreas de especialidade.

O programa formativo inclúe, ademais, actividades adicionais para potenciar os resultados do aprendido e un servizo de asesoramento experto post–formación durante seis meses para facilitar e acelerar os procesos de cambio de unidades ou centros cara á excelencia.

Imaxes relacionadas