A Xunta prevé que a través da colaboración público-privada o sector biotecnolóxico mobilice máis de 600 M€ ata 2025 para impulsar en Galicia un crecemento económico verde e sustentable

Conde destaca que esta nova estratexia permitirá incrementar nun 50% o número de empresas na industria biotech e crear máis de 500 novos empregos cualificados

Apunta que o obxectivo é apoiar novos proxectos empresariais, tanto nas primeiras etapas como en fases de expansión, e consolidar as xa existentes e afianzar a súa internacionalización

Tamén se busca atraer investimentos para asentar empresas tractoras e promover a profesionalización do sector cunha forte aposta polo talento

Remarca que con esta planificación a Xunta renova o seu compromiso coa ciencia e a innovación para impulsar as grandes transformacións da transición ecolóxica e dixital
 

Santiago de Compostela, 4 xuño de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe que a Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico de Galicia 2021-2025 prevé mobilizar máis de 600 millóns de euros, o dobre que no período anterior, para impulsar un crecemento verde e sustentable. Segundo apuntou, permitirá incrementar nun 50% o número de empresas e crear máis de 500 novos empregos cualificados vinculados a esta actividade.

Conde explicou que o obxectivo desta nova folla de ruta, que conta cun investimento público por parte da Xunta de 430 millóns de euros, segue sendo vertebrar todos os axentes da cadea de valor do sector biotech en Galicia —empresas, universidades, fundacións biomédicas, centros tecnolóxicos e organismos públicos— e manter ese esforzo colectivo para consolidar esta industria.

Segundo apuntou, o que se busca é desenvolver unha actividade intensiva en I+D+i a todos os niveis. Tamén, apoiar novos proxectos empresariais, tanto nas primeiras etapas como en fases de expansión, e consolidar as xa existentes e afianzar a súa internacionalización. Outros obxectivos son atraer investimentos para asentar empresas tractoras e promover a profesionalización do sector cunha forte aposta polo talento.

Ademais de incrementar un 50% o número de empresas do sector e a súa facturación en Galicia ata superar os 600 millóns de euros, esta estratexia prevé crear máis de 500 novos empregos vinculados a esta actividade. E contempla aumentar o gasto en I+D+i en biotecnoloxía un 45%, ata os 145 millóns de euros; incrementar o gasto en capital en Galicia en 30 millóns de euros, e sumar un 20% máis de investigadores.

Balance 2016-2020

Trátase dunha nova planificación que dá continuidade á anterior Estratexia de impulso á biotecnoloxía 2016-2020, que permitiu duplicar o número de empresas vinculadas a esta industria en Galicia ata acadar as 127 compañías que dan emprego a preto de 1900 persoas. Así como incrementar a facturación do sector un 72% que, en 2019, acadou os 412 millóns de euros, e aumentar o emprego no sector máis do 70 por cento, con máis de 500 novos postos de traballo creados. É dicir, superáronse amplamente os obxectivos marcados inicialmente, tanto en indicadores de impacto como a nivel de investimento mobilizado que, en total, ascendeu a 262 millóns de euros, un 32% máis do previsto para apoiar máis de 820 proxectos. Entre os proxectos desenvolvidos neste período, destaca o biopolo de Santiago, na Sionlla.

Conde remarcou que con esta nova estratexia, a Xunta renova o seu compromiso coa ciencia e a innovación para impulsar as grandes transformacións da transición ecolóxica e dixital, e destacou que apostar pola biotecnoloxía é protexer a saúde e o benestar de millóns de persoas.

Nesta liña, precisou que se trata dunha estratexia transversal e participativa que é o vehículo para impulsar a capacidade instalada en Galicia. E lembrou que o marco e a oportunidade póñena os fondos europeos Next Generation, dos que Galicia espera recibir apoios para o Hub de Innovación Dixital DATAlife, arredor do que se engloban proxectos liderados por empresas ou entidades como o Grupo Zendal, Anfaco-Cecopesca e Bioga, que poñen de manifesto a aposta que a candidatura galega fai pola industria biotech.
 

Imaxes relacionadas