A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, inaugurou hoxe unha xornada en liña dedicada á Reserva da Biosfera transfronteiriza Xurés-Gêrés

A Xunta subliña a importancia da Reserva da Biosfera Gerês-Xurés para dinamizar o territorio entre Galicia e o Norte de Portugal

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2021

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, subliñou hoxe a importancia e o papel clave da Reserva da Biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés como elemento dinamizador deste extenso territorio comprendido entre Galicia e o norte de Portugal, cunha superficie de preto de 268.000 hectáreas e unido polas súas características naturais e culturais en común.

Durante a inauguración dunha xornada en liña dedicada a este espazo compartido co país veciño —a única Reserva da Biosfera hispano-lusa e tamén a única figura deste tipo en Galicia de carácter internacional—, Do Campo puxo en valor estes territorios como elementos que aspiran a mellorar a forma de vida dos seres humanos e ao mesmo tempo, a salvagardar os ecosistemas naturais cos que conviven e interactúan.

Así, resaltou sobre todo a estreita colaboración existente entre ambos territorios, canalizado a través do traballo conxunto das administracións galega e portuguesa e co apoio dos seus habitantes co obxectivo común de resaltar os valores da flora e da fauna compartidas.

Esta conferencia enmárcase no programa Somos Biosfera, no que a Xunta e o Centro de extensión universitaria e divulgación ambiental de Galicia (Ceida) colaboran este ano na organización dun ciclo de charlas para poñer en valor e analizar o traballo desenvolvido en cada unha das seis Reservas da Biosfera da Comunidade e así conmemorar o 50 aniversario da creación do programa MaB (Man and the Biosphere), posto en marcha pola Unesco en 1971 para harmonizar a relación entre as persoas e o medio ambiente.

A finais de maio celebrouse a primeira destas xornadas telemáticas, dedicada á Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e que foi clausurada pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. Nos vindeiros meses está previsto que se organicen outras catro conferencias en liña dedicadas ás restantes Reservas da Biosfera galegas: Terras do Miño (Lugo); Área de Allariz (Ourense); Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá (Lugo); e Río Eo, Oscos e Terras do Burón (Lugo).

Cómpre lembrar que as seis Reservas da Biosfera de Galicia abranguen un total de 63 concellos e ocupan o 25% do territorio. En todo caso, o obxectivo da Xunta é que este mesmo ano se incorpore a elas unha sétima, a Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, de xeito que a superficie galega englobada baixo esta figura chegaría ata o 35%.
 

Imaxes relacionadas