O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, entregou esta mañá o distintivo ao complexo compostelán

A Xunta outorga o terceiro selo de Galicia Calidade ao hotel de Santiago de Compostela 'O xardín de Julia'

Trátase da terceira certificación que recibe o grupo O Curro Bed&Food, tras os recoñecementos ao Hotel Pazo de Altamira e o restaurante Curro da Parra

Conde destacou que esta acreditación achega confianza e seguridade ao consumidor

O 35% das 143 empresas galegas que contan hoxe en día con esta certificación son establecementos turísticos
 

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, entregou esta mañá en Santiago de Compostela o diploma de certificación de Galicia Calidade ao hotel O Xardín de Julia, pertencente ao grupo O Curro Bed&Food. Este novo recoñecemento súmase aos dous cos que xa contaba a entidade no Hotel Pazo de Altamira e o restaurante Curro da Parra.

Francisco Conde destacou que esta marca é sinónimo de confianza e seguridade para o consumidor. Ademais, quixo recoñecer o esforzo e crecemento do grupo O Curro Bed&Food que, con menos de 10 anos de existencia, conta con 23 empregados e unha facturación de case 1M€. Tal e como apuntou, a súa dedicación supón un exemplo da aposta dos emprendedores e empresarios galegos por un turismo de calidade.

Con O Xardín de Julia consolídanse os establecementos turísticos galegos que contan co aval de Galicia Calidade, supoñendo o 35% do total de empresas acreditadas que xa suman un total de 143. Na actualidade, o selo está presente en máis de 600 produtos e servizos.

O vicepresidente económico aproveitou tamén para confiar en que o Xacobeo 2021-2022, unido á excelencia do sector, sexa unha oportunidade para a reactivación e recuperación do sector turístico, en particular, e da economía galega, en xeral.

Imaxes relacionadas