A Xunta anima aos galegos a participar nas actividades dos parques naturais para celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente

Para poñer en valor a riqueza natural destes espazos, organízanse rutas, xincanas e visitas guiadas de balde para os visitantes interesados

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aposta por este tipo de actividades para concienciar aos galegos na necesidade de conservar e protexer os ecosistemas da súa contorna
 

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2021

A Xunta anima aos galegos a participar nas actividades dos parques naturais para celebrar o Día mundial do Medio Ambiente, que este ano por o foco na restauración dos ecosistemas.

A conmemoración deste día remóntase ao ano 1972, cando se celebrou en Estocolmo a primeira gran conferencia con cuestións relativas ao medio ambiente, baixo os auspicios de Nacións Unidas. A partir dese momento, a Asemblea de Nación Unidas designa o 5 de xuño como o día Mundial do Medio Ambiente, para que se realicen actividades mundiais que reafirmen a preocupación pola protección e mellora do medio ambiente. Este tipo de efemérides axudan a concienciar á sociedade en cuestións como a redución da capa de ozono, a xestión de produtos químicos tóxicos, a desertización ou o quecemento global.

Así, o parque natural do Invernadeiro, Monte Aloia, Fragas do Eume, Serra de Enciña da Lastra e Corrubedo, así como o Parque Nacional das Illa Atlánticas, súmanse a esta efeméride e celebrarán actividades lúdicas, xincanas, rutas e visitas guiadas para poñer en valor a riqueza natural destes espazos únicos na Comunidade galega e das paisaxes que definen na súa contorna.

Asemade, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aposta pola celebración deste tipo de accións para avanzar e trazar o camiño que leve á sociedade cara a un planeta máis limpo e verde. Este tipo de actividades teñen por obxectivo concienciar á sociedade da necesidade de protexer e conservar estes espazos, ao tempo que se garante a compatibilidade cos usos e actividades económicas.

O parque natural do Invernadeiro promocionará este día cunha andaina, a Ruta da Corga, que atesoura os ecosistemas más singulares deste espazo. O percorrido iníciase por unha pista ascendente, na parte posterior da Aula. Pouco despois atópase a Central Solar Fotovoltaica nunha zona chaira. A ruta continúa ascendendo ata chegar ao depósito de auga de subministro das instalacións educativas. O camiño segue por unha senda de lousas que leva ata a toma de auga na Corga da Ortiga, fin do percorrido. Neste último tramo pódese observar a vexetación autóctona do Invernadeiro, así como atopar indicios da presenza de fauna. Esta actividade celebrarse tamén ao longo da vindeira semana.

Esta fin de semana, e o seguinte –sábado 12 e domingo 13-, as visitas guiadas do Centro de interpretación de Monte Aloia poderán coñecer os ecosistema propios destes espazo, como a alta diversidade de vexetación arbórea de especies autóctonas (Quercus robur, Pinus pinaster, Pinus sylvestris, etc.) e a zona de afloramentos rochosos e vexetación arbustiva, que son un indicativo de como era a situación inicial do Monte Aloia a principios do século XIX. Tamén se achegarán ata o Miradoiro Alto da Cabaciña, dende onde se observa a reforestación e restauración realizada en boa parte do Parque. Estes valores son os que se poden contemplar na ruta de Cabana-Cabaciña, unha andaina que será guiada e de balde, para os participantes.

Xincana nas Fragas do Eume

Aventura nas Fragas do Eume é a actividade organizada polo Parque natural das Fragas do Eume, para celebrar o Día do Medio Ambiente. Trátase dunha actividade que se iniciará no centro de visitantes do Portal de Caaveiro e terá a súa fin no Mosteiro de Caaveiro, os par participantes deberán seguir unha serie de pistas para facer o percorrido, invitándoos a realizar fotografías en puntos indicados para admirar a beleza deste parque.

No caso do parque Serra de Enciña da Lastra, as charlas educativas trasládanse ao exterior para coñecer as especies de flora e fauna máis representativas do parque, e tamén se invitará aos visitantes a coñecer o Centro de Interpretación. Os interesados en participar nesta actividade teñen dúas quendas, pola mañá (11,00 horas-12,30 horas) e pola tarde (17,00-18,30 horas).

29 anos da declaración como parque natural

A xornada de mañá no Parque natural de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán é motivo de dobre celebración, pois –ademais do Día do Medio Ambiente- tamén se conmemora o 29 aniversario da declaración deste espazo como parque natural; ao que se suma a recente aprobación do seu primeiro Plan reitor de usos e xestión.

A partir das 17,00 horas do sábado realizarase a ruta guiada polo camiño río do mar, Onde o río bica o mar, unha andaina de 2,5 km e apta para todos os públicos, mentres que o domingo 6, a partir das 11,00 horas, iniciarase unha andaina pensada especialmente para os máis cativos (idade recomendada para nenos de 3 a 8 anos, que deberán asistir acompañados por un adulto), co fin de achegalos aos distintos paxaros que habitan no parque durante todo o ano.

No parque natural do Xurés aprazáronse as actividades, dada a situación sanitaria que afecta ao Concello de Lobios, municipio onde se localiza o centro de visitantes.

Recoméndase a todas as persoas interesadas en participar nas actividade en reservar praza e confirmar asistencia nos centros de interpretación/aulas de natureza de cada parque e recórdase que deben respectar en todo momento as medidas de prevención pola pandemia da Covid-19, establecidas polas autoridades sanitarias.
 

Imaxes relacionadas