Arranca a terceira edición do curso gandeiros 20-30 que organiza a Xunta para 20 novos alumnos do sector

A partir do éxito acadado nas dúas edicións anteriores, onde se cubriron todas as prazas, a Consellería do Medio Rural decidiu iniciar unha nova edición do curso

Un total de 20 novos alumnos terán a oportunidade de acceder ao coñecemento e ás ferramentas necesarias para unha mellor xestión e control de custos

A Consellería do Medio Rural impulsa esta acción formativa co fin de seguir fomentando a profesionalización das explotacións gandeiras en Galicia
 

Ribadeo (Lugo), 4 de xuño de 2021

Esta mañá arrancou no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias, en Ribadeo, a terceira edición do curso Gandeiros 20-30 que organiza a Xunta no marco da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego.

A partir do éxito acadado nas dúas edicións anteriores, onde se cubriron todas as prazas, a Consellería do Medio Rural decidiu iniciar unha nova edición do curso, esta vez na localidade luguesa de Ribadeo, xusto un día despois da posta en marcha da segunda no Pazo de Quián (Boqueixón). No marco da Estratexia do sector lácteo, a Consellería do Medio Rural impulsa esta acción formativa co fin de seguir fomentando a profesionalización das explotacións gandeiras en Galicia.

Ao longo de seis módulos impartidos presencialmente durante seis semanas, 20 alumnos terán a oportunidade de acceder ao coñecemento e as ferramentas necesarias para unha maior xestión e control de custos. O obxectivo é a mellora da eficiencia das súas explotacións a través da busca da innovación nas súas actividades e dun maior valor engadido.

As temáticas das sesións, cada unha delas orientada a unha área de coñecemento específica, profundarán no desenvolvemento de habilidades de negociación, o control de custos, a optimización da xestión fiscal ou a innovación, entre outros. Nas cinco horas que dura cada unha delas, os participantes debateran en conxunto sobre a aplicabilidade dos conceptos adquiridos previamente a unha explotación gandeira e sobre as posibles iniciativas que se desenvolverán máis adiante.
 

Imaxes relacionadas