A conselleira do Mar comprobou a bordo dunha embarcación o funcionamento dos novos drons aéreos e submariños do Servizo de Gardacostas

Galicia suma oito drons para tarefas de salvamento e loita contra o furtivismo e a contaminación no medio mariño

Estes medios están distribuídos nas bases que o Servizo de Gardacostas ten na Coruña e Vigo e, para desprazamentos itinerantes por toda a costa, nos servizos centrais e na embarcación Paio Gómez Chariño

Engádense ao plan de renovación parcial da frota que está a desenvolver a Xunta no Servizo de Gardacostas e que leva acumulado máis de 12 millóns de euros de investimento

Rosa Quintana subliñou que o obxectivo desta dotación e renovación de medios é mellorar a operatividade deste servizo, que é unha aposta blindada da Administración autonómica

A Coruña, 4 de xuño de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, fixo fincapé hoxe no importante papel do Servizo de Gardacostas de Galicia na protección do medio mariño e das súas persoas e recursos. Nesta liña salientou a aposta da Xunta pola dotación e renovación de medios para o labor do persoal deste servizo, un equipamento ao que se veñen de sumar oito drons, catro deles submariños e outros catro aéreos, para tarefas de salvamento e loita contra o furtivismo e a contaminación mariña.

Así o destacou a titular de Mar na dársena coruñesa de Oza de onde partiu a bordo dunha embarcación para comprobar o funcionamento destes medios e onde estivo acompañada polo subdirector xeral do servizo de Gardacostas, Lino Sexto, e polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

Os drons están distribuídos nas bases que Gardacostas ten na Coruña e Vigo e tamén nos servizos centrais de Santiago de Compostela e na embarcación itinerante Paio Gómez Chariño. Nestes dous últimos casos son para os desprazamentos itinerantes por toda a costa.

Rosa Quintana explicou que este novo equipamento supuxo un custe total de arredor de 22.000 euros. En canto aos drons submariños, expuxo que teñen un cable de 200 metros e acadan unha profundidade de 100 metros e salientou a súa utilidade para facer revisións dos buques e dos pantaláns e para buscar aparellos no fondo do mar. No caso dos drons aéreos sinalou que se empregan para detectar posibles manchas de contaminación mariña e aparellos que estean calados de forma irregular, poden afastarse ata 10 quilómetros e teñen un teito de altura de 120 metros.

Estes medios, subliñou a conselleira do Mar, súmanse ao plan de renovación parcial da frota que está a desenvolver a Xunta no Servizo de Gardacostas e que leva acumulado máis de 12 millóns de euros de investimento. De feito, recentemente o Executivo galego licitou un novo contrato para a subministración de dúas patrulleiras por 2,2 millóns de euros cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Estas unidades engadiranse a outras que supoñen un investimento total de máis de 10 millóns de euros. Estas son as catro patrulleiras lixeiras Punta Falcoeiro, con base en Ribeira; Punta Promontoiro, con base en Celeiro; Punta da Guía, con base en Vigo e a Punta Seixo Branco, con base na Coruña e que xa entraron en servizo entre 2019 e 2020. Ademais está en proceso de construción a embarcación de gran porte para substituír á Paio Gómez Chariño.

Todas estas embarcacións son aptas para tarefas de inspección e vixilancia pesqueira, control e apoio á frota, colaboración en operacións de busca e salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña. A maiores, a titular de Mar engadiu que esta modernización da frota se complementa coa ampliación do cadro de persoal do organismo autonómico, que incorporou máis de 40 profesionais nos últimos anos para labores de inspección veterinaria e de loita contra o furtivismo, e coa renovación de máis dunha vintena de vehículos.

Deste xeito, expuxo a conselleira do Mar, o Executivo galego busca mellorar a operatividade do Servizo de Gardacostas de Galicia, a loita contra o furtivismo, optimizar as operacións de rescate e salvamento e avanzar na loita contra a contaminación mariña. Neste sentido lembrou que se trata dunha aposta blindada para a Administración autonómica e que Galicia é a única comunidade que dispón dun servizo propio destas características e que pon os seus medios a disposición de Salvamento Marítimo do Estado.

Imaxes relacionadas