A Xunta traballa coas universidades da Crusoe en proxectos de investigación en beneficio da Macrorrexión do Suroeste Europeo

O Conferencia de Reitores das Universidades e Institutos Politécnicos do Suroeste Europeo (Crusoe) está formada por 23 entidades de educación superior de Galicia, Castela e León, Asturias, Cantabria e as rexións norte e centro de Portugal

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, mantivo un encontro co presidente executivo da Secretaría Xeral Técnica da Crusoe, Salustiano Mato, e co seu secretario, Antonio López

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia traballa coa Conferencia de Reitores das Universidades e Institutos Politécnicos do Suroeste Europeo (Crusoe) na elaboración de proxectos de investigación en beneficio da Macrorrexión do Suroeste Europeo (Resoe), da que forman parte Galicia, Castela e León, Asturias, Cantabria e as rexións norte e centro de Portugal.

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, mantiveron hoxe unha reunión co presidente executivo da Secretaría Xeral Técnica da Crusoe, Salustiano Mato, e co seu secretario, o reitor da USC Antonio López. No encontro analizáronse as actividades postas en marcha pola Crusoe co obxectivo de dar visibilidade, dentro da UE, ás necesidades estratéxicas das comunidades que forman parte da Macrorrexión do Suroeste de Europa (Resoe) e dos seus intereses comúns.

Entre outras cuestións, no encontro púxose de manifesto a necesidade de establecer vínculos co fin de promover actividades de investigación e innovación interinstitucional, así como traballar de maneira conxunta na xeración de proxectos colaborativos ou en materia de I+I para a resolución dos problemas estratéxicos da Macrorrexión do Suroeste Europeo.

A Crusoe, ademais, pretende intensificar programas de intercambio e mobilidade de investigadores, docentes, estudantes e persoal de apoio e de servizos entre as institucións que o acorden en beneficio común das entidades académicas da Resoe e das rexións que representan.

Obxetivos da Crusoe

A Conferencia de Reitores das Universidades e Institutos Politécnicos do Suroeste Europeo é unha asociación sen ánimo de lucro de ámbito internacional, constituída polas universidades de Galicia, Castela e León, Asturias, Cantabria, Rexión Norte e Rexión Centro de Portugal.

Está formada por 23 entidades de educación superior que conforman máis de 150 grupos de investigación de referencia nacional de España e Portugal, e case 240.000 estudantes repartidos en máis de 40 campus universitarios que constitúen as fortalezas da rede Crusoe, configurada como alternativa ás tradicionais redes institucionais do coñecemento e que, ao mesmo tempo, promove novos proxectos no espazo macrorrexional do Suroeste Europeo.

Crusoe traballa para redefinir un espazo multidisciplinar de colaboración académica e en materia de investigación e innovación que contribúa ao desenvolvemento territorial e á especialización intelixente do Suroeste de Europa.

Imaxes relacionadas