A Xunta adxudica a redacción do proxecto construtivo para a protección da marxe dereita do río Ulla de cara a minimizar o risco de asolagamento ao seu paso polo concello de Padrón

O contrato, adxudicado por preto de 18.000 euros, conta cun prazo de 8 semanas

Partirá do anteproxecto elaborado por Augas de Galicia no marco do plan específico para a xestión da área do río Ulla-Sar, de especial risco de inundacións

Recolleranse as actuacións para a protección fronte ao desbordamento do río Ulla na súa marxe dereita, entre a desembocadura da canle de derivación do río Sar e a ponte da estrada N-550

Deseñarase un muro verde augas abaixo da súa confluencia co río Sar, de 159 metros de lonxitude, que se situará en paralelo ao Ulla, pola súa marxe dereita, de modo que o parque contiguo ao leito do río quede protexido

A Xunta segue apostando pola colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar mellor preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou a redacción do proxecto construtivo para a protección da marxe dereita do río Ulla de cara a minimizar o risco de asolagamento ao seu paso polo concello de Padrón.

Este contrato foi adxudicado á empresa Aquática Ingeniería Civil, S.L. por importe de 18.000 euros. O prazo de execución é de 8 semanas.

Trátase de impulsar as actuacións para reducir o risco de asolagamento neste municipio coruñés, deseñadas por Augas de Galicia no marco do Plan de xestión específico do risco de inundacións para área fluvial do río Ulla e río Sar, declarada de risco potencial significativo de inundacións.

O contrato céntrase no desenvolvemento ao detalle da solución definida no anteproxecto xa redactado por Augas de Galicia, e no que se recollen as actuacións para a protección fronte ao desbordamento do río Ulla na súa marxe dereita, entre a desembocadura da canle de derivación do río Sar e a ponte da estrada N-550.

Nos traballos que se desenvolverán neste contrato proponse a construción dun muro tipo ‘krainer', que consiste nunha técnica de bioinxeniería baseada en materiais biodegradables. Deste xeito, construirase un muro verde augas abaixo da súa confluencia co río Sar, que acadará unha lonxitude total de 159 metros. Este muro situarase paralelo ao río Ulla pola súa marxe dereita, de modo que o parque contiguo ao leito do propio río quedará protexido por este muro.

Ademais, para permitir o baleirado das augas que puidesen acumularse tras episodios de avenidas e para permitir a correcta drenaxe das augas de escorrentía superficial xeradas polos terreos contiguos cara ao propio muro, na cara deste oposta ao leito dispoñeranse 2 obras de drenaxe nos puntos máis baixos da zona, integradas no propio muro.

Avaliación de riscos permanente

Augas de Galicia redacta e revisa cada seis anos a avaliación preliminar do risco de inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa. Desde o 1 de maio e ata o vindeiro 30 de xullo está aberto á participación pública o novo Plan de xestión de risco de inundacións 2021-2027, que se agarda aprobar a finais de ano.

En paralelo, Augas de Galicia desenvolve os plans específicos de xestión en 9 zonas fluviais con maior risco de inundacións. Trátase das contornas do río Umia, en Caldas de Reis e Portas; Anllóns, en Carballo; Campeda, en Vimianzo; Bahíña e o Groba, en Baiona; Lagares, en Vigo; Fontecova e Trasposta, en Viveiro; e o río Ulla-Sar, tanto en Padrón, como en Dodro, Rianxo, Rois, Catoira, Pontecesures e Valga.

Estes plans recollen medidas e actuacións paliativas e preventivas de aplicación polas distintas administracións, Xunta e concellos, para minimizar o risco de enchentes.

O departamento que preside Ethel Vázquez segue apostando pola colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias.