A Xunta presenta aos concellos a Estratexia galega de atención á soidade non desexada

O obxectivo do encontro, celebrado de xeito telemático e presencial, foi analizar a situación e cooperar en novas propostas de cara a mellorar a vida das persoas maiores

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2021

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, dirixiu esta mañá desde o Cegadi un grupo de traballo con concellos das catro provincias para avanzar na Estratexia Galega de Atención á Soidade non Desexada. Entre os representantes das Administracións locais que participaron no encontro atópanse os de Curtis, A Laracha, Narón, O Carballiño, Quintela de Leirado, O Saviñao e Vilagarcía de Arousa, así como a propia Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

O obxectivo da convocatoria era presentar o documento de xeito oficial e progresar na folla de ruta dun dos principais problemas do século XXI a través dunha estratexia pioneira en España. Así, durante o encontro, que contou coa presenza do alcalde e a concelleira de Curtis e Laracha, respectivamente, e a participación telemática do resto de concellos, o director xeral expuxo as liñas básicas do documento. Tamén os representantes municipais, para os que se abre un prazo de presentación de alegacións ou suxestións, tiveron oportunidade de explicar os diferentes programas postos en marcha nos seus termos municipais neste eido.

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, quen agradeceu a participación e as achegas dos concellos, aproveitou o acto para salientar a xenerosidade que as persoas maiores demostraron durante este ano de pandemia, un ano onde todas as dificultades daqueles que viven solos se viron incrementadas. Ademais, recalcou que a finalidade destes programas é sempre mellorar a calidade de vida e a rutina dos que máis o precisan.

Voluntariado Sénior ou Xantar na Casa

Neste senso, o Fernando González Abeijón incidiu en que o obxectivo do Goberno galego é traballar por que cada galego poida facerse maior como e onde desexe, e que conte con apoios especializados para afrontar esta fase da súa vida. Para isto, a Consellería de Política Social traballa en iniciativas como o Voluntariado Sénior, para que as persoas maiores de 55 anos poidan seguir colaborando desinteresadamente, ou os programas de Benestar en balnearios e talasos.

Ademais, tamén ofrece varios servizos para aquelas persoas maiores que viven soas e necesitan apoio, como Xantar na casa, un programa co que se consigue servir máis de 45.000 menús mensuais a máis de 1.600 persoas en toda a comunidade autónoma. Ou o Servizo de Axuda no Fogar, iniciativa na que Galicia é unha referencia en toda España e na que a Xunta de Galicia inviste 83,6 millóns de euros. Así mesmo, o servizo de teleasistencia ou as casas do maior pretenden mellorar a calidade de vida das persoas maiores.
 

Imaxes relacionadas