A conselleira do Mar e a conselleira de Medio Ambiente asinaron un acordo entre ambos departamentos para colaborar no eido da oceanografía operacional

Galicia impulsa a actividade do Observatorio costeiro dedicado ao coidado do medio mariño

Desde hai máis de dez anos este instrumento da Xunta de Galicia ofrece información da costa galega de grande utilidade para a investigación e a toma de decisións por parte das administracións

O acordo asinado hoxe dá continuidade e fortalece a colaboración que veñen mantendo as consellerías do Mar e de Medio Ambiente na rede de estacións de observación e predición das condicións océano-meteorolóxicas

Rosa Quintana e Ángeles Vázquez puxeron de relevo o valor da rede galega de estacións de observación e predición das condicións océano-meteorolóxicas, que sitúa a Galicia no panorama nacional e internacional da oceanografía operacional

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 3 de xuño de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinaron hoxe un acordo entre ambos departamentos da Xunta para realizar actividades de apoio mutuo no ámbito da oceanografía operacional. Deste xeito o Executivo galego impulsa a actividade do Observatorio costeiro de Galicia, que desde hai máis dunha década ofrece de maneira integrada información océano-meteorolóxica da costa galega de grande utilidade para a investigación, a toma de decisións por parte das administracións e o desenvolvemento de servizos relacionados coa protección do medio ambiente costeiro.

O acordo asinado hoxe no Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) dá continuidade e fortalece a colaboración que veñen mantendo as consellerías do Mar, a través do Intecmar e do Cetmar, e de Medio Ambiente, a través de Meteogalicia, no desenvolvemento deste observatorio. Un labor, destacou a conselleira do Mar, que é froito do esforzo conxunto e que está dirixido a nutrir de información de calidade ao sector investigador vinculado ao medio costeiro, pois a oceanografía operacional require da toma de datos océano-meteorolóxicos e do desenvolvemento de modelos preditivos para a interpretación dos fenómenos mariños.

Grazas a este traballo, subliñou Rosa Quintana, Galicia conta cunha ampla rede de estacións de observación e predición das condicións océano-meteorolóxicas, que, entre outros aspectos, permite obter datos sobre a temperatura da auga, salinidade, meteoroloxía e correntes e información relativa a vento, temperatura e humidade. Esta información é de grande utilidade e apoio para o desenvolvemento do Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental (Plan Camgal).

Isto, engadiu a titular de Mar, sitúa a fortaleza de Galicia no panorama nacional e internacional da oceanografía operacional e ao mesmo tempo permiten á nosa comunidade afrontar retos nos ámbitos científico e tecnolóxico para garantir a biodiversidade e protexer os ecosistemas.

A conselleira de Medio Ambiente salientou a importancia de establecer accións preventivas para garantir a biodiversidade e os ecosistemas mariños e costeiros, unha tarefa que -en Galicia- se volve imprescindible, pois nesta comunidade tamén son o motor dunha parte moi importante da economía, ademais de ser un distintivo.

Nese sentido, destacou que é preciso dispor de datos continuos e contar con modelo de predición que achegue información crucial para interpretar os posibles fenómenos mariños; polo que é tan necesaria a tecnoloxía como o persoal cualificado, dous aspectos que en Galicia se concentran nos departamentos que hoxe renovan esta colaboración.

Tal e como explicou a conselleira, esta rede de observación meteorolóxica e oceanográfica está formada por 157 estacións meteorolóxicas de superficie, é dicir, hai máis de 1.100 sensores de medición repartidos por toda a xeografía galega; catro equipos de detención de raios, un radar meteorolóxico, un equipo receptor de datos de Meteosat; e seis estacións océano-meteorolóxicas colocadas nas costas, que forman parte do Observatorio Costeiro, unha ferramenta tamén imprescindible para loitar contra o cambio climático.

O acordo

O acordo asinado hoxe implica, entre outras funcións, promover a participación do Observatorio costeiro en iniciativas de ámbito autonómico, nacional e internacional e fomentar a utilización da información xerada polo Observatorio costeiro nos protocolos de actuación do Plan Camgal. Tamén supón dar soporte con esta información a medidas de fortalecemento da resiliencia ante o cambio climático das áreas costeiras, á xestión dos recursos mariños e á implementación de acordos, tratados ou iniciativas lexislativas de ámbito nacional e europea.

A colaboración terá unha vixencia de catro anos desde a súa sinatura, con posibilidade de prórroga se así o deciden as partes. Ademais contará cunha comisión de planificación, seguimento, desenvolvemento e control con dous representantes da Consellería do Mar e outros dous da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Imaxes relacionadas