O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) presidiu esta mañá a inauguración da acción formativa no Pazo de Quián, en Boqueixón

Vinte alumnos máis formaranse en competencias empresariais na segunda edición do curso Gandeiros 20-30 que organiza a Xunta

Tras o éxito da primeira edición desta iniciativa formativa, inaugúrase unha segunda convocatoria do curso Gandeiros 20-30 no Pazo de Quián

Nesta nova convocatoria todas as prazas foron cubertas e ata se conta cunha lista de agarda doutras 20 persoas máis

Os participantes terán a oportunidade de recibir unha formación integral en materia empresarial a través de seis módulos impartidos de forma presencial ao longo de seis semanas

O curso pretende dotar aos participantes do coñecemento e as ferramentas necesarias para unha maior xestión e control de custos, contribuíndo á mellora da eficiencia das súas explotacións

Boqueixón (A Coruña), 3 de xuño de 2021

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, presidiu esta mañá no pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón) a inauguración da segunda edición do curso Gandeiros 20-30 no marco da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego.

A Consellería do Medio Rural pon en marcha unha nova edición do curso Gandeiros 20-30, unha iniciativa formativa especializada en competencias empresariais dirixida aos profesionais do sector. Tras o éxito da primeira edición, a acción organizada pola Agacal, formará a 20 novos alumnos nun proceso de transformación e mellora dende o punto de vista empresarial. De feito, nesta nova convocatoria todas as prazas foron cubertas e ata se conta cunha lista de agarda doutras 20 persoas máis.

O curso pretende dotar aos participantes do coñecemento e as ferramentas necesarias para unha maior xestión e control de custos, contribuíndo á mellora da eficiencia das súas explotacións. Por outra banda, outro dos obxectivos é a busca da innovación nas súas actividades e dun maior valor engadido proporcionándolles unha visión sobre o potencial da súa explotación.

Os participantes terán a oportunidade de recibir unha formación integral en materia empresarial a través de seis módulos impartidos de forma presencial ao longo de seis semanas. Cada unha das sesións contará cunha formación específica en distintas temáticas como a xestión integral do negocio, o control de custos, a optimización da xestión fiscal, a innovación ou o desenvolvemento de habilidades de negociación. Tamén, buscarase o seu propio crecemento e desenvolvemento a través da provisión de instrumentos financeiros.

En relación á estrutura destas sesións, que serán de media xornada (cinco horas semanais), estas comezarán coa exposición de conceptos e ferramentas. Seguidamente, farase un debate conxunto no que se reflexionará sobre a aplicabilidade dos conceptos previos a unha explotación gandeira, contando ademais con posibles iniciativas que se desenvolverán máis adiante.

No marco da Estratexia do sector lácteo, e para seguir fomentando a profesionalización das explotacións gandeiras en Galicia, a Consellería do Medio Rural impulsa esta acción formativa, que tamén se impartirá nunha terceira edición a partir de mañá venres no centro Pedro Murias de Ribadeo.