Máis de 800 centros de ensino públicos benefícianse das axudas da Xunta para o fomento do galego dotadas con 350.000 euros

O Diario Oficial de Galicia e o Portal da Lingua Galega publican hoxe a resolución de subvencións para as actividades dos equipos de dinamización de lingua galega

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución de axudas aos proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade pública de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios, para o curso escolar 2020/21, convocadas o pasado mes de decembro e da que foron beneficiarios máis de 800 centros.

En total, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina 350.000 nesta orde de axudas para favorecer e contribuír ao financiamento das actividades que realizan os equipos de dinamización da lingua galega e o profesorado responsable de cada proxecto de fomento do galego durante este curso académico. Beneficiáronse 815 centros educativos que contan con menos de seis unidades nas provincias da Coruña (328 centros), Lugo (103 centros), Ourense (73 centros) e Pontevedra (311 centros).

Apoio ao labor dos EDLG

As axudas enmárcanse na folla de ruta da Xunta de Galicia para promover e difundir o uso do galego nas aulas e en base ao Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia que sinala a necesidade de afondar no desenvolvemento dos preceptos da Lei de Normalización Lingüística no tocante ao ensino.

Pretende reforzar a dimensión comunicativa do galego en relación con contextos vivos e facilitarlle ao alumnado unha oferta educativa que o axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz. O devantido decreto regula, no artigo 15, a constitución dun equipo de dinamización da lingua galega para potenciar o seu uso nos centros educativos.

Coa finalidade de valorar e de apoiar o seu labor, a Consellería de Educación considera necesario seguir a adoptar un conxunto de medidas de dinamización dirixidas á promoción da lingua galega nos centros educativos e convoca estas axudas.
 

Imaxes relacionadas