A Xunta lamenta que o Goberno central reapareza en escena tras agocharse durante toda a pandemia con obrigas a destempo

O Executivo galego vota en contra das medidas impostas polo Ministerio de Sanidade ao limitar a capacidade de xestión das Comunidades Autónomas

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2021

O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, votou esta tarde en contra do documento que o Ministerio presentou no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde para regular as distintas situacións no ámbito da saúde pública.

O titular do departamento sanitario da Xunta manifestou que “estamos ante unhas novas normas que o Goberno central quere impoñer, sen ter en conta o traballo feito durante máis dun ano polas Comunidades, que son as que mellor coñecen a realidade e as particularidades de cada territorio”.

García Comesaña criticou que “onte se falara de recomendacións e hoxe se presenten como normas de obrigado cumprimento, deixando a un lado e desdeñando o traballo realizado polas Comunidades Autónomas”.

O conselleiro de Sanidade apuntou que a decisión desta tarde “é unha falta de respecto ao traballo desenvolto polo Comité clínico durante máis dun ano sen o apoio do Ministerio”; pois “altera a estabilidade e o coñecemento que atesourou Galicia na xestión da crise sanitaria, mediante a adopción de medidas que contaron co aval do comité de expertos”.

Segundo o máximo responsable da Sanidade galega, o documento, aprobado por votación e non por consenso, como sería o desexable, “é extemporáneo e tira por terra todo o labor feito polo comité clínico nos últimos meses”.

O conselleiro lamentou que o Ministerio trasladara por primeira vez este texto ás Comunidades Autónomas onte ás 21:00 horas. Un documento, engadiu, que “fai referencia a outro que se aprobou hoxe mesmo ás tres da tarde, só unha hora antes do comezo do Consello Interterritorial”.

“Ímolo a estudar polo miúdo coa asesoría xurídica para analizar o carácter vinculante e se invade competencias autonómicas, pero non estamos de acordo, nin coa maioría das medidas, nin, por suposto, co feito de que queiran facelas de obrigado cumprimento”, subliñou.

Con todo, o conselleiro apuntou que a Xunta de Galicia “respectará as medidas que sexan de obrigado cumprimento, aínda que non as comparta”.

García Comesaña sinalou que o Goberno de España “despois de meses ausente e sen coordinar, agora, cando parece que o peor xa pasou, pretende asumir un protagonismo do que viña fuxindo, e onde as Comunidades Autónomas tiveron que situarse á fronte da pandemia”.