O Sergas pon en marcha unha nova Unidade de Saúde Mental Infanto Xuvenil no hospital Álvaro Cunqueiro

Este novo dispositivo se enmarca no Plan de Saúde Mental de Galicia que contempla un importante incremento de recursos sanitarios para a Área de Vigo

O equipo está composto por 5 profesionais: 2 psiquiatras, 1 psicólogo, 1 enfermeira especializada e 1 traballador social

Con este incremento de recursos físicos e humanos a Área de Vigo conta agora cunha estrutura sanitaria de saúde mental completa e ben dotada para ofertar unha atención de calidade á poboación infantil e adolescente

Vigo, 2 de xuño o 2021

O Servizo Galego de Saúde estreou hoxe unha nova Unidade de Saúde Mental Infanto-Xuvenil no hospital Álvaro Cunqueiro. Este novo dispositivo se enmarca no Plan de Saúde Mental de Galicia que contempla un importante incremento de recursos sanitarios para a Área de Vigo, en especial os adicados aos nenos e adolescentes.

O xerente do Sergas, José Flores, e o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, visitaron hoxe esta nova Unidade, acompañados polo xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente. No transcurso desta visita, José Flores asegurou que “coa posta en marcha desta nova Unidade dáse un paso máis no desenvolvemento do Plan de Saúde Mental de Galicia, que xa ten acado un alto nivel de execución, dado que é unha das prioridades na que o Sergas centra os seus esforzos. Continuaremos traballando para cumprir os compromisos dese Plan co obxecto de mellorar a atención que reciben os pacientes e as súas familias”.

Neste senso, o xerente do Sergas lembrou que na Área de Vigo, nos próximos días tamén vaise abrir un Hospital de Día no Nicolás Peña; ademais da nova Unidade de Hospitalización de menores xa anunciada no Álvaro Cunqueiro. En canto á atención a adultos subliñou a nova Unidade ambulatoria de Tui posta en marcha onte, e anunciou a apertura doutra en Ponteareas.


Reforzo importante da Atención Infanto-Xuvenil

 

A nova Unidade Infanto-Xuvenil, a segunda da área viguesa, conta cun equipo de 5 profesionais: 2 psiquiatras, 1 psicólogo, 1 enfermeira especializada en saúde mental e 1 traballador social.

En total, as dúas Unidades do Álvaro Cunqueiro conforman un gran dispositivo de atención especializada, con 5 psiquiatras, 3 psicólogos, 1 enfermeira e 1 traballador social dedicados a atención ambulatoria da saúde mental dos nenos e adolescentes.

Con este incremento de recursos físicos e humanos a Área de Vigo conta agora cunha estrutura sanitaria de saúde mental completa e ben dotada para ofertar unha atención de calidade a este sector da poboación.

 

7.000 menores atendidos

 

O pasado ano, os profesionais de saúde mental infanto- xuvenil atenderon 7.000 consultas de menores de 16 anos. Os máis frecuentes son casos de Trastorno por Déficit de Atención, Autismo, Trastornos de conduta, afectivos e da conduta alimentaria.

Coa pandemia tense rexistrado un repunte nesta demanda, tanto ambulatoria como a través do Servizo de Urxencias, razón pola que, dentro do Plan Estratéxico de Saúde Mental post Covid19 estase reforzando o servizo de Psiquiatría nesta Área.

Imaxes relacionadas