Lete Lasa destaca a traxectoria de Iago López Marra que xa ten demostrado ser "de ouro" antes da súa partida a Toquio

Subliña o apoio da Xunta á vela galega que, no caso de Iago, contou coa adquisición en 2019 dunha embarcación tipo 49er valorada en máis de 22.000 euros

Porto do Son (A Coruña), 2 de xuño de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe no acto de apoio a Iago López Marra organizado polo Real Club Náutico de Portosín previo á partida do regatista aos Xogos Olímpicos de Toquio, onde competirá na clase 49er, xunto co seu compañeiro Diego Botín. O deportista sonense e o seu compañeiro obtiveron a praza olímpica co seu cuarto posto no Campionato do Mundo de 2019 en Nova Zelanda. No momento actual ocupan o cuarto posto no ránking mundial 49er e son vixentes subcampións mundiais. Lete Lasa destacou toda a traxectoria e o traballo de Iago López Marra asegurando que “o éxito está no camiño e no camiño Iago ten demostrado ser de ouro”.

O mandatario galego incidiu unha vez máis no excelente nivel da vela galega que conta dende hai moitos anos con grandes deportistas que xa teñen conseguido importantes fitos nos Xogos Olímpicos como é o caso das medallas de ouro acadadas por Fernando Echavarri e Antón Paz na clase Tornado en Pequín 2008 ou por Sofía Toro e Támara Echegoyen na clase Elliot 6 metros en Londres 2012. Agora, en Toquio 2020, a vela galega volverá a contar cunha inmellorable representación encabezada polo propio Iago, Támara Echegoyen ou Nico Rodríguez, os tres apoiados en todo momento pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Lete Lasa cifrou este apoio da Xunta que, no caso de Iago, contou coa adquisición en 2019 dunha embarcación tipo 49er para a Real Federación Galega de Vela valorada en máis de 22.000 euros, dos que a Secretaría Xeral financiou o 80% con cargo á orde de adquisición de equipamentos deportivos (a federación de vela adquiriu material por importe de 50.000 euros en 2019 sumando ademais unha furgoneta). Ademais, Nico é un dos deportistas que participa na campaña NON da Secretaría Xeral da Igualdade e das axudas Reto Galicia-Toquio con Igualdade, polas que recibe 5.000 euros. No caso dos deportistas galegos de alto nivel, Iago López obtivo en 2020 unha bolsa de 4.000 euros.

Imaxes relacionadas