A Xunta somete a información pública os proxectos dos itinerarios peonís e ciclistas das estradas autonómicas OU-101 e OU-150 en Montealegre e Valdorregueiro, no Concello de Ourense

As actuacións, cun investimento da Xunta de máis de 1,3 M€ e cun prazo de execución de seis meses, fan necesaria a expropiación de 45 fincas

Executaranse sendas compartidas de ancho variable pola marxe dereita nas estradas OU-101, en Montealegre, e en Valdorregueiro, na OU-150

Os novos itinerarios enmárcase no Plan de Sendas da comarca de Ourense e permiten actuar en tramos das estradas autonómicas que carecen dun espazo axeitado para o tránsito de peóns, incrementando a seguridade viaria dos veciños
 

Ourense, 2 de xuño de 2021

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, informou de que mañá, xoves, se iniciará o proceso de información pública dos proxectos dos itinerarios peonís e ciclistas nas estradas autonómicas OU-101, en Montealegre, e na OU-150, en Valdorregueiro

Segundo avanzou Gabriel Alén, o Diario Oficial de Galicia recollerá este xoves, día 3 de xuño, a publicación do anuncio de información pública. Os interesados disporán dun prazo de 30 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio no DOG, para trasladar as súas achegas e suxestións a estes dous proxectos de mellora da mobilidade.

Estas actuacións, que terán un prazo de execución de seis unha vez iniciadas as obras meses, suporán un investimento da Xunta de máis de 1,3 millóns de euros e necesitarán da expropiación de 45 fincas para a súa construción.

A intervención ten por obxectivo actuar en zonas destas estradas autonómicas que carecen na actualizade dun espazo seguro para o tránsito de peóns, polo que a execución destes itinerarios suporá unha mellora importante da seguridade viaria aos veciños do concello de Ourense.

Segundo o proxecto redactado polo departamento de Infraestruturas da Xunta, executarase un itinerario peonil e ciclista na marxe dereita da estrada OU-101 que dará continuidade desde o punto quilométrico 1+020 ata o refuxio da parada de bus, no punto quilométrico 2+310.

Tamén se construirá un itinerario peonil e ciclista na marxe dereita da estrada OU-150, entre o punto quilométrico 0+000 (no cruce coa N-525) e ata aproximadamente o punto quilométrico 1+000, onde finaliza a beirarrúa existente.

Así mesmo, está proxectada a execución de cinco muros de sostemento realizados en escollera na senda da OU-101 e catro muros de sostemento na senda adxacente a OU-150. O proxecto tamén prevé a instalación das sinalizacións vertical e horizontal e a adecuación das paradas de autobús.

Plan de Sendas

Estes novos itinerarios enmárcase no Plan de Sendas de Galicia para a comarca de Ourense.

O Plan de Sendas de Galicia, que a Xunta vén desenvolvendo en distintas comarcas galegas, parte dunha análise global do territorio, priorizando actuacións que atenden a criterios técnicos obxectivos e factores como a situación dos núcleos de poboación, servizos ou equipamentos; o tráfico e a sinistralidade que rexistra cada treito da estrada; a orografía e as pendentes do terreo; o clima; a facilidade de implantación ou a posibilidade de conectar con percorridos xa existentes.

Os obxectivos prioritarios desta iniciativa da Xunta, de construción de itinerarios peonís e ciclistas sostibles, seguros e integrados na paisaxe, son os de protexer e incrementar a seguridade de peóns e ciclistas, debido a que son os usuarios máis vulnerables das estradas e promover unha mobilidade máis sostible, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular.

Imaxes relacionadas