A Xunta colabora co Concello de Campo Lameiro na mellora do camiño da Conla cunha axuda de 28.000 euros

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe os traballos realizados ao abeiro dunha axuda da Orde de Infraestruturas de uso público

A Xunta leva investidos mais de 460.000 euros no municipio en proxectos destinados a mellorar as infraestruturas e servizos municipais, así como outras actuacións de saneamento
 

Campo Lameiro (Pontevedra), 2 de xuño de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, as melloras levadas a cabo no camiño da Conla, no concello de Campo Lameiro, que contou cunha axuda do Goberno galego de 28.000 euros.

Segundo indicou a directora xeral, o concello de Campo Lameiro solicitou ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público 2020 unha axuda para mellorar o firme do camiño rural, o que contribuirá a aumentar a comodidade e seguridade vial do mesmo. O Goberno galego colabora así, tal e como destacou Natalia Prieto, na mellora das infraestruturas e servizos municipais do concello para contribuír ao benestar e á calidade de vida dos cidadáns.

A directora xeral de Administración Local incidiu en que esta actuación é un dos moitos exemplos de colaboración neste concello coa Xunta. De feito, o Goberno galego ten investido nos últimos anos mais de 460.000 euros a través desta Orde de Infraestruturas de uso público como do Fondo de Compensación Ambiental,

En canto á Orde de Infraestruturas de uso público a Xunta destina 4 millóns de euros desta liña de axudas aos concellos galegos para crear ou mellorar infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. Ademais, no marco do Fondo de Compensación Ambiental, que na convocatoria deste ano o Goberno galego inviste 11 millóns de euros, o Goberno galego vén colaborando con Campo Lameiro con diversas obras de saneamento.

Imaxes relacionadas