O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, comparece hoxe a petición propia no Parlamento para dar conta das liñas de traballo en materia de política cultural

A Xunta de Galicia impulsará este verán máis de 3.000 actividades culturais cun investimento superior aos 9M€

Terá en conta todas as artes escénicas e propostas culturais, dirixidas a todo tipo de público e con presenza tanto nas zonas urbanas como no rural galego

Súmase á programación especial do Xacobeo 21-22 que se está a reactivar de xeito descentralizado para contribuír ao crecemento das industrias do sector

Entre as liñas prioritarias, avanzou a formación dos profesionais do sector, fomentar a presenza da cultura no rural e intensificar o apoio aos novos creadores

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia impulsará este verán máis de 3.000 actividades culturais por toda a xeografía galega cun investimento superior a 9M€. Así o avanzou hoxe no Parlamento o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, nunha comparecencia a petición propia na que indicou que o Goberno autonómico seguirá reanimando, potenciando e apostando pola continuidade das programacións e ciclos con criterios de seguridade, como vén facendo desde o inicio da crise sanitaria.

Entre xuño e setembro, a Xunta favorecerá a posta en marcha de numerosos eventos que abranguen todas as artes escénicas e propostas culturais e dirixidas a todo tipo de públicos, tanto en zonas urbanas como no rural. Así, entre outros, referiuse á Rede Galega de Teatros, os festivais de diferentes disciplinas ou o apoio ás bandas populares para ofrecer un centenar de concertos, as orquestras e a súa programación lírica ou exposicións como Galicia futura, que funcionará como un elemento reactivador cunha vintena de proxectos artísticos encargados de xeito específico para a mesma.

“Nos últimos meses, o Plan de Reactivación da Cultura en marcha desde 2020 está a reforzar o consumo e a recuperación das industrias culturais galegas, e nesta liña seguimos traballando”, expresou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Igualmente, engadiu que o mantemento e reforzo da actividade cultural nos meses de verán “achega certezas e permite dar continuidade tendo sempre en conta a situación sanitaria en cada momento e traballando con anticipación e diálogo”.

Protocolos de cultura segura

Neste sentido, salientou que estas propostas sumaranse á programación especial do Xacobeo 21-22 que xa se está a reactivar. Como recordou, está en marcha unha colaboración entre os departamentos de Turismo e Cultura por 5,3M€ adicionais para proxectos que darán protagonismo á música, as artes escénicas ou exposicións, verbenas e eventos como Cultura no Camiño, Xacobeo Cidades ou Fest Galicia.

Anxo M. Lorenzo subliñou que nestes meses o Goberno autonómico está a apostar por deseñar protocolos seguros que dan certeza aos organizadores, aos profesionais do sector e a o público. A propia Xunta está impulsando os seus circuítos e as actividades nos seus equipamentos culturais e animou a todas as administracións públicas a programar e abrir convocatorias públicas de axudas tanto para dar resposta ás necesidades máis inmediatas como para avanzar nas liñas de traballo a medio e longo prazo.

Con vistas aos vindeiros meses, tamén se referiu á importancia da captación de fondos europeos para a cultura na que está traballando a Xunta a través de varias liñas, entre elas o apoio á posta en marcha do hub do audiovisual e das industrias creativas.

Transformación dixital da cultura

O secretario xeral de Cultura afondou tamén nas liñas de traballo en marcha para reforzar o marco normativo. Como recordou, en febreiro aprobouse a primeira Lei de Museos de Galicia que se suma ás xa en vigor de bibliotecas, arquivos e patrimonio cultural de Galicia. Agora, a Xunta comezará a traballar noutros proxectos como a lei de transformación dixital da cultura ou a de inclusión e accesibilidade cultural.

Mencionou, ademais, o Plan Estratéxico da Cidade da Cultura, as políticas públicas para incrementar a presenza da cultura no rural, o Plan de proxección exterior da cultura galega ou as liñas de apoio aos novos creadores que funcionarán como un programa transversal para apoiar o xurdimento de talento creativo entre a mocidade galega.

Imaxes relacionadas