A Xunta somete mañá a información pública o proxecto de construción da nova senda peonil e ciclista na estrada autonómica AC-214 no treito entre A Xira e Cambre

O orzamento da actuación ascenderá a 580.000 euros, dos que máis de 23.000 se destinarán ao pagamento das expropiacións das 15 fincas necesarias para a súa execución

Habilitarase un itinerario duns 1.320 metros, no treito que vai da Xira a Cambre ao longo da AC-214

O itinerario adaptará a súa configuración ás edificacións existentes nas marxes da estrada e ampliarase a calzada entre os puntos quilométricos 7+220 a 8+540

Con esta actuación perséguese o fomento da mobilidade sostible conectando os núcleos de poboación entre eles e as zonas de equipamentos e servizos

Esta obra complementará á senda de 720 metros nos núcleos da Telva, A Xira e a Pena de Sigrás de Abaixo que conta cun orzamento de 835.000 euros

Cambre (A Coruña), 2 de xuño de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou hoxe a zona na que se construirá a nova senda peonil e ciclista na estrada AC-214 que unirá o núcleo da Xira con Cambre. Segundo avanzou Gonzalo Trenor, a Xunta someterá mañá a información pública o proxecto deste novo itinerario peonil e ciclista do concello de Cambre.

O Diario Oficial de Galicia recollerá este xoves, día 3 de xuño, a publicación do anuncio. Os interesados disporán dun prazo de 30 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio no DOG, para trasladar as súas achegas e suxestións.

Esta actuación suporá un investimento aproximado de algo máis de 580.000 euros, dos que 23.000 se destinarán ao pagamento das expropiación das 15 fincas necesarias para executar o novo itinerario peonil na vía autonómica.

O obxectivo desta intervención é o fomento da mobilidade sostible conectando núcleos de poboación entre eles e as zonas de equipamentos e servizos. Con esta actuación mellorarase a seguridade viaria no treito comprendido entre os puntos quilométricos 7+220 y 8+540.

Segundo o proxecto redactado polo departamento de infraestruturas da Xunta, o novo itinerario duns 1.320 metros adaptarase á configuración das edificacións existentes e comprende a execución dunha senda de 2 metros de ancho, nas zonas nas que xa existan sendas se repararán e uniformizarán coa nova actuación.

Ao comezo da actuación os chans son urbanos, xa que pertencen ao núcleo de Cambre, e a continuación pasan a conformar chans de núcleo rural ata alcanza a vía do ferrocarril, en ambos os casos o pavimento da senda será de formigón. Ao oeste desta vía a actuación atópase sobre chan rústico para finalmente, nas proximidades da AC-213, asentarse sobre un pequeno tramo de chan urbano polo que se optará por continuar con pavimento de formigón empregado nas zonas urbanas.

Para levar a cabo a actuación efectuarase a roza da marxe da estrada afectada e procederase ao saneo dos terreos sobre os que se situará a senda, retirando os chans brandos e a terra vexetal. Nas zonas de actuación os elementos de sinalización desmontaranse e almacenaranse para a súa posterior reposición.

O delegado da Xunta na Coruña destacou que esta obra complementará outra importante actuación doutra senda peonil na estrada autonómica AC-214, en Sigrás, ao seu paso polo concello de Cambre.

O Goberno galego destina a esta actuación un investimento de 878.000 euros, dos que 93.000 se destinarán ao pagamento das expropiacións das 21 fincas necesarias para a súa execución. O obxectivo desta intervención é a mellora da mobilidade peonil e da seguridade viaria na estrada AC-214, coa construción dunha senda, fundamentalmente peonil, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 8+500 e 9+260, desde a intersección tipo glorieta coa AC-213 e a N-550, dentro dos núcleos da Telva, A Xira e A Pena de Sigrás de Abaixo.

Imaxes relacionadas