A plataforma tecnolóxica do Sergas Telea vén de ser escollida como unha boa práctica por parte da Comisión Europea

Ata a data, o número de pacientes que foron seguidos por medio de TELEA é de 251.604, dos cales 164.086 pertencen ao seguemento de contactos estreitos covid positivos, 79.617 pertencen a pacientes con illamento por covid e os restantes pertencen ao seguemento de patoloxías crónicas

As autoridades sanitarias de Chipre, Francia, Italia, República Eslovaca, Chequia, Grecia, Lituania e Estonia mostráronse interesadas en coñecer o funcionamento de TELEA

Na sesión telemática de hoxe, que tivo lugar no Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade, participou o subdirector xeral de Ordenación Asistencial e Innovación do Sergas, Alfonso Alonso Fachado
 

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2021

A plataforma de telemonitorización do Servizo Galego de Saúde, TELEA, vén de ser escollida como unha Boa Práctica por parte da Comisión Europea na súa convocatoria anual. Este feito, por parte da Comisión Europea, é un recoñecemento máis á innovación desenvolvida pola Consellería de Sanidade, onde xa máis de 250.000 personas foron seguidas a data de hoxe por medio de TELEA. Considérase boa práctica aquela intervención ou experiencia realizada, baseada no mellor coñecemento científico dispoñible, que demostre ser efectiva, e que poida ser transferible, ademais de representar un elemento innovador para o sistema sanitario.

TELEA é a plataforma de teleasistencia domiciliaria desenvolvida en Galicia para o seguimento dos pacientes crónicos, e que emprega as tecnoloxías da comunicación para manter en contacto aos profesionais sanitarios e aos seus pacientes, facilitando a monitorización do estado de saúde dos usuarios sen necesidade de desprazamentos. O obxectivo é mellorar a calidade de vida dos doentes a través dun seguimento estreito encamiñado a detectar con axilidade descompensacións nos indicadores de saúde.

Sinalar que, durante os días 1 e 2 de xuño, estase levando a cabo, de forma telemática, un taller de mercado (Marketplace) que mostra as mellores prácticas no campo da atención primaria.

Os representantes dos Estados membros da UE e outros países teñen a oportunidade de recibir información das mellores prácticas procedentes de iniciativas e programas da UE. Neste caso concreto, as autoridades sanitarias dos estados membros de Europa terán a oportunidade de coñecer e preguntar sobre aspectos relacionados con TELEA.


Sesións telemáticas hoxe e mañá

As autoridades sanitarias de Chipre, Francia, Italia, República Eslovaca, Chequia, Grecia, Lituania e Estonia mostráronse interesadas en coñecer o funcionamento de TELEA. Durante dúas sesións dunha hora e media en dous días consecutivos, poderán preguntar sobre aspectos relacionados coa implementación e resultados de TELEA. Na sesión telemática de hoxe, que tivo lugar no Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade, participou o subdirector xeral de Ordenación Asistencial e Innovación do Sergas, Alfonso Alonso Fachado.

Ata a data, o número de pacientes que foron seguidos por medio de TELEA é de 251.604, dos cales 164.086 pertencen ao seguemento de contactos estreitos covid positivos, 79.617 pertencen a pacientes con illamento por covid e os restantes pertencen ao seguemento de patoloxías crónicas como 1.638 en pacientes con hipertensión arterial ou os 599 en pacientes diabéticos.
 

Imaxes relacionadas