A Xunta concede case 145.000€ ao concello de Dozón para a mellora do polígono industrial coa construción de beirarrúas e a instalación de sistemas de vixilancia

O delegado territorial, Luis López, anuncia esta nova achega, que financia o 80% dos 181.000€ de investimento, nunha visita ao parque empresarial xunto ao alcalde, Adolfo Campos

A partida dá continuidade á modernización do complexo impulsada pola Xunta despois de que o pasado ano se concederan 240.000€ para a construción do viveiro de empresas, que agora ten aberto o prazo de solicitude de espazos
 

Dozón, 1 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, vén de conceder senllas axudas, por importe de 145.000 euros, ao Concello de Dozón para unha nova mellora no polígono industrial ao abeiro da orde de mellora e habilitación de infraestruturas dos parques empresariais correspondente ao presente ano 2021.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou da aprobación destas partidas, que se destinarán principalmente á construción de beirarrúas nos viais de acceso e á instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, nunha visita realizada ao complexo industrial na compaña do alcalde de Dozón, Adolfo Campos.

En total, a Xunta de Galicia vai financiar o 80% dos 181.000 euros deste dobre investimento, xa que se destinarán case 150.000 euros para a construción das novas beirarrúas co obxectivo de “favorecer a seguridade peonil e mellorar a confortabilidade e a imaxe deste polígono” e algo máis de 31.000 euros para a implantación da rede de seguridade.

“Este parque empresarial é fundamental e imprescindible na socioeconomía do municipio de Dozón, xa que acolle a moitos traballadores e importantes empresas, algunhas delas con moito peso específico na comunidade galega e nos seus sectores, polo que dende a Xunta queremos colaborar para seguir coa modernización deste importante punto industrial e para que estea nas mellores condicións”, explicou Luis López, que detallou que esta dobre actuación será unha realidade en pouco tempo, xa que estará rematada o vindeiro mes de outubro.

Viveiro de empresas

Ademais, esta nova actuación dará continuidade á aposta do Goberno galego polo polígono castrense despois de que o pasado ano se concederan 240.000 euros para a construción dun inmoble, cunha superficie de 460 m2 e dous espazos, destinado a acoller un viveiro de empresas que impulse o emprendemento. “Nun tempo récord executouse, grazas aos fondos da Xunta, o viveiro de empresas, que agora ten aberto o prazo de solicitude de espazos ata o 7 de xuño, e no que temos postas moitas esperanzas para seguir fortalecendo e reactivando a economía na comarca do Deza”, detallou Luis López.

Finalmente, o delegado territorial destacou o “gran compromiso do Concello de Dozón coa xeración de riqueza e emprego e co asentamento e crecemento empresarial” e exemplificouno na súa integración na iniciativa autonómica de Concellos Emprendedores para ofrecer unha baixa fiscalidade, a concesión de licenzas industriais en prazos abreviados e outras vantaxes aos proxectos empresariais. Ademais, os Concellos Emprendedores obtiveron unha maior puntuación nesta convocatoria de axudas para a mellora e habilitación de infraestruturas na rede de parques empresariais de Galicia.
 

Imaxes relacionadas