A Xunta promove a construción e rehabilitación con madeira entre os profesionais

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou esta tarde no curso en liña de entramado lixeiro de madeira en proxectos de arquitectura, no marco do acordo co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG)

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2021

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou esta tarde no curso en liña de entramado lixeiro de madeira en proxectos de arquitectura co que se pretende seguir promovendo actuacións tanto na construción como na rehabilitación nas que se utilice a madeira.

Froito do convenio de colaboración entre a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través de Xera, e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), o curso ten como obxectivo que o alumnado adquira os coñecementos e habilidades necesarias para desenvolver proxectos de arquitectura con entramado lixeiro de madeira. Preténdense fomentar actuacións onde arquitectura e estrutura vaian da man e divulgar obras exemplares.

Xera e COAG están colaborando con este tipo de accións formativas e colaborativas, pero tamén na realización de informes e en asesoramento técnico co obxectivo de mellorar a formación e especialización dos prescritores, difundir as vantaxes ambientais, sociais e económicos de empregar madeira na construción, así como divulgación de novos materiais e técnicas. O obxectivo final é promover o uso da madeira, un dos compromisos da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Como exemplo deste compromiso, destaca o proxecto TechMadeira (38M€) deseñado para os fondos europeos Next Generation e que impulsará a construción neste material, levando a dixitalización e a innovación ás empresas forestais.