Portos de Galicia ratifica o seu compromiso inversor cos peiraos do municipio de Poio

Susana Lenguas informou de que xa está contratada a asistencia técnica para a mellora en superficie de Raxó e insistiu en solicitar a colaboración do Concello para a sinatura dun convenio regulador do tráfico nas dársenas

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2021

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, mantén o seu compromiso coa mellora e dotación de investimentos nos peiraos do municipio pontevedrés de Poio. Así o reiterou hoxe a presidenta do ente público, Susana Lenguas, na resposta a unha pregunta parlamentaria formulada na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo.

Susana Lenguas lembrou que nos últimos anos e “aínda no marco da crise económica, acometéronse diversas actuacións nos portos de Raxó e Covelo consideradas prioritarias por razóns de seguridade, por importe de preto de medio millón de euros”. “Portos de Galicia está investindo nos portos de Raxó e Covelo aínda cando no caso deste último a actividade portuaria é nula e de feito por esta razón xa se lle propuxo ao Concello a reversión da instalación para a posterior xestión municipal”, reseñou.

Ademais a presidenta de Portos informou de que o pasado mes de abril nunha reunión co Concello confirmouse que “Portos de Galicia contaba xa cunha asistencia técnica para propoñer alternativas a nivel de proxecto para a mellora en superficie no porto de Raxó e instou á Administración local a desenvolver a parte dos servizos municipais de saneamento e abastecemento, xa que o proxecto en superficie está supeditado a esta integración”. Polo tanto, “xa con anterioridade ao acordo parlamentario para consensuar investimentos nos portos de Poio, Portos de Galicia e o Concello viñamos acordando as solucións prioritarias para as necesidades portuarias do municipio”, engadiu.

Finalmente, Susana Lenguas instou unha vez máis ao Concello de Poio a colaborar con Portos de Galicia para a sinatura dun convenio de colaboración entre ambas partes para regular o tráfico en das zonas portuarias. A este respecto lembrou que durante o último ano e medio ofrecéronselle diferentes alternativas de convenio ao Concello sen que teñan sido aceptadas ata o momento.
 

Imaxes relacionadas