O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, reuniuse hoxe por videoconferencia coa Asociación Abuso y Maltrato Infantil NO Galicia

A Xunta de Galicia colaborará na organización do Congreso Internacional de Infancia Maltratada en maio de 2022

Destacou a importancia da difusión e a formación dos profesionais para que estas situacións se detecten de xeito áxil e evitar que queden silenciadas

Será a primeira vez que a nosa comunidade acolla esta cita, que se celebra cada dous anos desde 1989

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2021

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta mañá nunha reunión por videoconferencia coa Asociación Abuso y Maltrato Infantil NO Galicia (Amino.Gal), coa que colabora de xeito permanente na prevención da violencia sexual contra os menores. O eixo principal do encontro foi a organización do próximo Congreso Internacional de Infancia Maltratada, que se celebrará en Galicia en maio do ano 2022.

Jacobo Rey salientou a importancia deste congreso por ser un encontro que pretende converterse nun referente en España e que xuntará a numerosos expertos nesta materia. Esta será a primeira vez que Galicia acolla esta cita de carácter internacional que organiza a Federación de Asociaciones para la Prevención del Maltrato Infantil desde 1989. Malia que se trata dun evento que se celebra cada dous anos, a situación derivada da covid-19 impediu a súa organización o ano pasado.

O director xeral de Familia Infancia e Dinamización Demográfica puxo, así mesmo, en valor o labor desta entidade no eido do abuso sexual a menores. Jacobo Rey asegurou que resulta vital traballar na difusión e na formación dos profesionais para que detecten de xeito áxil estas situacións e evitar que queden silenciadas. O futuro Congreso será un altofalante máis para dar a coñecer o traballo de entidades como Amino.Gal.