A Xunta incide en Vigo na necesidade de reforzar os apoios ás mulleres vulnerables

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse hoxe na delegación da Xunta en Vigo con representantes das asociacións Adicam e Ayuvi que traballan, respectivamente, con mulleres con cancro e nais en risco de exclusión

Os programas destas entidades apoiados pola Xunta buscan atender ás múltiples necesidades das súas usuarias

A Xunta destina este ano 1,4 millóns de euros para apoiar a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que promovan programas e outorguen recursos integrais de atención especializada a mulleres en situación de especial vulnerabilidade

Vigo, 1 de xuño de 2021

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe dúas xuntanzas na delegación territorial da Xunta en Vigo, coa asociación de persoas afectadas de cancro de mama e xinecolóxico (Adicam) e coa asociación de axuda a madres xestantes e/ou con fillos ata os tres anos en risco de exclusión social (Ayuvi), nas que puxo de relevo a necesidade de seguir a apoiar ás mulleres máis vulnerables mediante programas de atención específica.
López Abella comprometeu o apoio da Xunta ao novo programa Forza Rapazas que promove esta entidade en Vigo, Cangas, Pontevedra e Moaña focalizado no empoderamento das mulleres afectadas por múltiples vulnerabilidades, cando conflúen nelas diferentes factores vitais que repercuten nos fogares e nos máis pequenos da casa. A covid-19, lembrou a secretaria xeral, so vén de agravar situacións que xa viñan resultando complicadas.
Adicam traballa con mulleres que presentan unha amalgama de situacións persoais: viúvas, amas de casa, perceptoras de prestacións, mulleres con discapacidade, etc. En moitas delas converxen varias destas situacións, polo que as necesidades son tamén diferentes. Tal e como coñeceu López Abella, o 30% destas persoas, aparte da situación social que viven teñen un proceso oncolóxico diagnosticado.
Ayuvi, pola sua banda, promove o programa Tú puedes, apoiado pola Xunta desde 2009 con cerca de 200.000 euros. A entidade traballa neste marco con mulleres embarazadas ou con menores de ata tres anos ao seu cargo que se atopan en situación de vulnerabilidade. Todas elas son derivadas ao programa polos servizos sociais municipais, hospitais e entidades públicas o privadas. Ayuvi ofrece a estas mulleres acompañamento multidisciplinar, con equipos integrados por matronas, psicólogas, traballadoras sociais, nutricionistas, médicos, avogadas... As destinatarias son mulleres residentes en Vigo e derivadas doutros concellos da contorna como O Porriño, Mos, Nigrán, Tui e Gondomar.
A secretaria xeral da Igualdade puxo en valor as axudas dispensadas para reducir estas “multivulnerabilidades” que afectan á situación socio-familiar destas mulleres atendidas por Ayuvi, pero tamén ao eido económico e laboral, á educación maternal e mesmo á formación e ao desenvolvemento de habilidades.
López Abella informou a ambas as dúas entidades que o Goberno galego resolverá de xeito inminente axudas por valor de 1,4 millóns de euros destinadas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a posta en marcha de programas específicos de recursos integrais de atención especializada a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.
Con estas axudas, a Xunta quere fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír a reducir a discriminacións e dotar a estas mulleres dunha maior autonomía e independencia co fin de mellorar a súa situación laboral, social e persoal.

Imaxes relacionadas