A Xunta colabora coas entidades financeiras na mediación coas persoas en situación de vulnerabilidade na busca de solucións para os afectados por desafiuzamentos

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, mantivo unha reunión con representantes dalgúns dos principais bancos españois, como Abanca, Santander, CaixaBank ou BBVA

No encontro analizouse a posibilidade de reforzar a cooperación entre a Oficina Reconduce e o sector bancario

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2021

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, mantivo unha reunión hoxe coas entidades financeiras que colaboran no programa Reconduce, creado pola Consellería de Política Social no ano 2013 coa finalidade de mediar entre as persoas en situación de vulnerabilidade e o sector financeiro para previr ou buscar solucións para os afectados por desafiuzamentos. Entre as sociedades que participan no encontro atópanse Abanca, Santander, CaixaBank, BBVA, Caixa Rural Galega e Unicaja.

A xuntanza tivo como obxectivo valorar o labor da Oficina Reconduce coas propias entidades e debater a posibilidade de reforzar a colaboración en materia de mediación hipotecaria, tendo en conta o novo contexto socioeconómico tras este ano de pandemia. O encontro tamén serviu para que as propias entidades puidesen trasladar as súas impresións sobre a evolución deste programa e propor alternativas e solucións de cara o futuro.

O director xeral puxo en valor o traballo conxunto que se está a realizar coas entidades financeiras para apoiar ás persoas máis vulnerables, un compromiso que ademais se veu reforzado tras este ano de pandemia, no que, a pesar das dificultades, seguiron traballando neste eido.

Imaxes relacionadas