A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde, José Ángel Santos, asinaron o convenio para impulsar a actuación no municipio lucense

A Xunta e o Concello de Friol selan a colaboración para dotar de saneamento o núcleo de Roimil cun investimento de máis de 280.000 euros

Estenderase a rede de saneamento e depuración de augas residuais aos lugares do Campo da Feira, O Pazo, Currás e A Penagateira, dando servizo a 20 vivendas e con capacidade de depuración para 200 habitantes

A Xunta asume o 80% do investimento, 225.600 euros, e a contratación e a execución das obras, que teñen un prazo de execución de seis meses

O Concello contribuirá co 20% restante, 56.400 euros, porá á disposición os terreos necesarios, tramitará as autorizacións precisas e asumirá as actuacións realizadas

A rede proxectada componse dunha condución principal, 2 colectores que verten ao principal e recollen sendas rúas do núcleo e 4 ramais secundarios, complementándose con 59 pozos de rexistro

O Goberno galego continúa prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas competencias municipais dun xeito eficiente

Lugo, 1 de xuño de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Friol, José Ángel Santos, asinaron o convenio de colaboración para dotar de saneamento o núcleo de Roimil, que suporá un investimento de máis de 280.000 euros.

O acordo, asinado na delegación territorial da Xunta en Lugo coa asistencia do delegado territorial, Javier Arias, ten como obxectivo a execución dunha rede de saneamento e depuración de augas residuais nos lugares do Campo da Feira, O Pazo, Currás e A Penagateira.

Segundo este convenio, a Xunta, a través de Augas de Galicia, cofinanciará a actuación nun 80% coa achega de 225.600 euros. Ademais, levará a cabo a contratación e a execución das obras, que contan cun prazo de execución de seis meses.

Pola súa banda, o Concello de Friol contribuirá ao financiamento do 20% restante, destinando 56.400 euros, ao tempo que asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

As actuacións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta de la Unión á pandemia da covid-19.

As actuacións proxectadas

O convenio asinado entre a Administración autonómica e a entidade local recolle os traballos precisos para dotar de saneamento o núcleo de Roimil.

A solución proxectada céntrase na construción da rede de colectores necesarios para evacuar as augas residuais ata o sistema de depuración previsto, que estará formado por unha depuradora de oxidación total con capacidade de depuración para 200 habitantes.

A rede de saneamento componse dunha condución principal, 2 colectores que verten ao principal e recollen sendas rúas do núcleo e 4 ramais secundarios. A rede complétase con 59 pozos de rexistro.

Para o funcionamento do sistema de depuración inclúense partidas para a acometida eléctrica, así como o sistema de medida e protección, e instalación interior para o seu correcto funcionamento.

Coa rede proxectada polo departamento presidido por Ethel Vázquez veranse beneficiadas 20 vivendas, que reúnen unha poboación equivalente de 200 habitantes.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.

Imaxes relacionadas