O programa 'Vexo veo Xacobeo' da Xunta chega a Tui para impulsar a divulgación e promoción dos Camiños de Santiago e do Ano Santo entre os escolares

O delegado territorial, Luis López, asiste ao espectáculo didáctico de contacontos no CEIP de Randufe e destaca “a implicación de toda a sociedade galega no Xacobeo, que terá aínda maior intensidade cando quede atrás a crise sanitaria”

Esta actividade vaise desenvolver de xeito itinerante ata o 17 de xuño por dez colexios da provincia coa asistencia de 250 nenos e o vindeiro ano estenderase a toda Galicia coincidindo co segundo Ano Santo consecutivo

Tui, 1 de xuño de 2021

O programa Vexo, Veo Xacobeo, impulsado de xeito coordinado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Turismo de Galicia, chegou na xornada de hoxe ata o Concello de Tui para seguir impulsando a divulgación e a promoción dos Camiños de Santiago e do dobre Ano Santo 2021-2022 entre os escolares.

Con motivo desta actividade, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, asistiu a este espectáculo didáctico e lúdico no CEIP de Randufe da localidade tudense e destacou “o traballo transversal que está a realizar a Xunta para levar o Xacobeo a todos os recunchos do país e tamén máis alá das nosas fronteiras”.

Así mesmo, subliñou a “enorme implicación de toda a sociedade galega no Xacobeo, algo que todos sentimos como propio e que nos enche de orgullo”, e vaticinou que este compromiso dos cidadáns “terá aínda maior intensidade a medida que avance a vacinación e a crise sanitaria vaia quedando atrás”.

O espectáculo celebrado no colexio de Tui tivo como protagonista a figura do sapoconcho, un persoeiro que realiza o Camiño de Santiago, na súa ruta portuguesa, na compaña dunha mercader chamada Raquel. Ambos van facendo o percorrido ao tempo que contan historias e contos sobre as rutas xacobeas para dalas a coñecer entre a cativada.

A actividade rematou cunha pequena quenda de intervencións por parte dos rapaces en torno ao Camiño e o Xacobeo e coa entrega de calendarios, dípiticos e outros materiais promocionais.

“Os rapaces son os que máis rápido absorben calquera ensinanza e a importancia do Xacobeo deben figurar entre elas, xa que forma parte da nosa idiosincrasia, polo que estas iniciativas son fundamentais para seguir despregando o Ano Santo por toda Galicia”, indicou o representante autonómico, que tamén salientou a “ilusión que emanan os cativos cando descobren que a súa terra ten algo tan especial e único como o Camiño”.

O programa Vexo, Veo Xacobeo arrancou hai dúas semanas e estase a desenvolver de xeito itinerante, ata o 17 de xuño, por dez concellos da provincia de Pontevedra: A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán, O Porriño, Mos, Redondela, Caldas de Reis, Valga e Tui. Esta iniciativa pretende favorecer a divulgación, sensibilización e promoción do Camiño de Santiago e do Xacobeo, así como o seu valor patrimonial inmaterial e cultural, entre as distintas comunidades escolares. Está previsto que, nesta estrea, chegue a 250 nenos da provincia e que o vindeiro exercicio se estenda a toda Galicia coincidindo co segundo Ano Santo consecutivo.

Imaxes relacionadas