A Xunta recorda que os arroaces son animais silvestres e insiste na necesidade de evitar interactuar con eles

Os exemplares de ‘Tursiops truncatus’, como o que se avistou este fin de semana na ría de Muros-Noia, adoitan a convivir en grupo de 15 exemplares de media, polo que a soidade deste fai que se achegue aos humanos

Coincidindo coa Semana do Medio Ambiente, a Consellería lembra que un arroaz solitario non é unha mascota, polo que se recomenda non establecer contacto, absterse de darlle comida e respectar as súas áreas de descanso

A Xunta xa trasladou ao Ministerio para a Transición Ecolóxica información sobre o comportamento deste exemplar, para que adopte as medidas oportunas que minimicen a interacción do animal coas persoas
 

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia recorda que os arroaces son animais silvestres, non mascotas, polo que non se debe interactuar cos mesmos. Con motivo da Semana do Medio Ambiente, a Consellería incide neste tipo de recomendacións ante o episodio rexistrado este fin de semana na ría de Muros- Noia, onde varias persoas se bañaron e interactuaron cun exemplar de Tursiops truncatus.

A situación de illamento do arroaz da ría de Muros-Noia, e a súa soidade, fai que aumente a súa curiosidade polas actividades humanas, pero cómpre ter en conta que se trata dun animal silvestre, e non dunha mascota, polo que se non debe molestar, evitando en todo momento interactuar con el.

Así, recoméndase non ofrecerlle nunca comida, non meterse intencionadamente na auga ao seu carón, nin entrar -deliberadamente- no seu radio de contacto. No caso de estar na auga, débese evitar tocalo ou aproximarlle as mans. Tamén se deben respectar sempre as súas áreas de descanso e, no caso de detectar un comportamento incómodo pola súa parte, débese saír da auga e afastarse do seu contacto.

Se ben é certo que a presenza de exemplares de Tursiops truncatus é un feito común, posto que resulta habitual atoparse cos arroaces nas rías en calquera época do ano, o novidoso desta situación é que se trata dun arroaz solitario, un comportamento que non é frecuente, xa que adoitan convivir en mandas de 15 exemplares de media.

A soidade deste exemplar pode deberse a que en ocasións non son aceptados nas manadas e se reclúen ata atopar outros individuos das súas mesmas características.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda xa trasladou a semana pasada ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico información -facilitada pola Asociación CEMMA- sobre a evolución do comportamento deste exemplar de arroaz para que, no marco das competencias en biodiversidade mariña, adopte as medidas que estime oportunas para minimizar a interacción do animal coas persoas.
 

Imaxes relacionadas