Conde subliña que a Lei de simplificación administrativa crea un marco normativo adaptado ás necesidades do tecido empresarial ante o reto da recuperación económica

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación interveu hoxe na xornada Axilidade Administrativa. Un reto para o impulso da competitividade empresarial, organizada polo Club Empresarial e Executivo de Galicia

Destaca que esta nova lei é o complemento normativo que avala a solidez e a solvencia da candidatura galega aos fondos Next Generation

Apunta que reducirlle o labirinto da burocracia ao tecido empresarial é fundamental neste momento en que afrontamos o reto de reactivar a economía tras o impacto máis duro da pandemia, e ante a oportunidade que supoñen os fondos europeos

A Coruña, 1 de xuño de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, subliñou hoxe que a Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia achega un marco lexislativo adaptado ás necesidades do tecido empresarial para afrontar o reto da recuperación e a transformación do modelo produtivo.

Durante a súa intervención na xornada Axilidade Administrativa. Un reto para o impulso da competitividade empresarial, organizada polo Club Empresarial e Executivo de Galicia, Conde apuntou que reducirlle o labirinto da burocracia ao tecido empresarial é fundamental neste momento en que afrontamos o reto de reactivar a economía tras o impacto máis duro da pandemia, e ante a oportunidade que supoñen os fondos Next Generation.

Nese sentido, Conde destacou que esta nova lei é o complemento normativo que avala a solidez e a solvencia da candidatura galega. Segundo dixo, cada un dos 354 proxectos que a compoñen, dos que 107 son impulsados pola iniciativa privada, necesita o respaldo dunha administración facilitadora e que articule os mecanismos necesarios para unha eficiente execución desas iniciativas. Por iso, a nova lei é o marco normativo máis acaído para acompañar os retos do tecido económico: transformadores e para unha sólida recuperación.

Conde explicou que a lei nace para trasladar ao tecido empresarial, estabilidade e confianza, que é a base dunha economía resiliente e competitiva, actuando sobre dúas frontes: a simplificación administrativa e o apoio ao investimento. Por un lado, dixo, trátase de aliviar cargas, acortando prazos e reducindo trámites parta evitar duplicidades. Por iso establece un prazo xeral de tres meses para emitir informes vinculados á Administración autonómica; un réxime de licenzas exprés que reduce os prazos de autorización para iniciativas empresariais a un mes con carácter xeral; e recolle a posibilidade de tramitar conxuntamente todos os procedementos administrativos necesarios para implantar unha empresa, cunha emisión simultánea de todos os informes e coa posibilidade de que se poida aplicar o silencio positivo.

Por outra banda, destacou que a través das entidades de certificación municipal (ECCOM), tamén se dará máis axilidade á aprobación de licenzas coas mesmas garantías xurídicas e técnicas que ata o de agora e, ao mesmo tempo, libérase aos concellos de carga administrativa.

Calquera empresa ou autónomo cun proxecto de investimento en Galicia, dixo, ten á súa disposición unha xanela única que é a Oficina Doing Business onde están representados todos os departamentos da Xunta vinculados á tramitación dun proxecto. Ademais, a través do Igape, disporán dunha plataforma web onde acceder en tempo real a toda a información administrativa dun proxecto e na que os Concellos Emprendedores tamén van poder publicar todos os seus procedementos e ordenanzas.

Conde salientou que o obxectivo da Xunta é contribuír á recuperación creando o marco normativo máis acaído e apoiando a actividade do tecido empresarial, sobre todo das pemes, microempresas e autónomos, para que poidan liderar proxectos que fagan máis competitiva a economía e consoliden o emprego.

Imaxes relacionadas