A Xunta destaca que a entrada dos viños galegos con denominación de orixe na canle da alimentación ao abeiro da rede Mercaproximidade reforzou o seu potencial de comercialización

José González destacou que durante a pandemia pola covid-19 aumentou máis dun 20% o consumo destes viños na canle da alimentación e as súas vendas subiron en case toda España, acadando un incremento de valor do 27% nesa canle

Engadiu que os prezos dos viños galegos se incrementaron tanto na canle da alimentación como na da hostalaría

O conselleiro lembrou que a rede Mercaproximidade foi clave na promoción destes produtos dentro da canle da alimentación e confía en que, unha vez se recupere a canle Horeca, aumente o volume de facturación dos viños galegos de calidade e se reforce a súa presenza nos fogares de toda España
 

Meaño (Pontevedra), 31 de maio de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, clausurou esta tarde en Meaño o acto de presentación do informe “El mercado español de vinos gallegos: alimentación y hostelería”, elaborado por Nielsen e presentado pola Fundación Juana de Vega. Alí, o conselleiro destacou que a entrada dos viños galegos con denominación de orixe na canle da alimentación ao abeiro da rede Mercaproximidade, debido ao peche da hostalaría pola pandemia da covid-19, reforzou o seu potencial de comercialización. Unha afirmación que vén apoiada polo aumento en máis dun 20% no consumo de viños das DOP galegas nesta canle e que as súas vendas subiron en case todos os territorios do Estado.

Así mesmo, José González -que estivo acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos-destacou tamén que os prezos se incrementaron, tanto na canle da alimentación como na da hostalaría. Neste senso, o conselleiro lembrou que a rede Mercaproximidade tamén foi clave na promoción destes produtos dentro da canle da alimentación e confía en que, unha vez se recupere a canle Horeca, aumente o volume de facturación dos viños galegos de calidade e se reforce a súa presenza nos fogares de toda España.

Ademais, José González tamén puxo en valor as medidas do Goberno galego como o préstamo vendima habilitado para que as adegas puidesen mercar toda a colleita en condicións normais de mercado e valorou positivamente a campaña do 2020, xa que malia a situación sanitaria -dixo- recolléronse máis de 60 millóns de quilogramos de uva nas cinco denominacións de orixe da nosa comunidade. Un indicativo de que estamos no bo camiño -engadiu-, consolidando o vitícola como un sector puntal da economía galega.

Nesa liña, o conselleiro apuntou que proximamente se presentará a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, promovida pola Xunta coa colaboración da Fundación Juana de Vega. Así, tamén lembrou que a Estratexia persegue mellorar o posicionamento dos viños galegos, reforzar a súa imaxe de marca e identidade vinculada aos territorios nos que se producen e aumentar a eficacia da promoción e da comercialización de produtos turísticos vinculados ao sector vitivinícola co obxecto de xerar valor engadido nos espazos rurais.

Apostando por atender ás particularidades específicas de cada denominación de orixe e indicación xeográfica protexida, o titular de Medio Rural fixo fincapé en que o sector do viño en Galicia está conformado por máis de 10.000 viticultores e máis de 450 adegas, que achegan un valor económico superior aos 230 millóns de euros anuais. Trátase -engadiu- dun eido económico cunha forte vocación exportadora, o que se demostra comprobando que unha de cada cinco botellas das nosas denominacións de orixe saen de Galicia cara a outros países, tan diversos como Estados Unidos, Alemaña, Reino Unido, China, Canadá ou México.


Informe Nielsen

A maiores dos datos xa mencionados, o informe “El mercado español de vinos gallegos: alimentación y hostelería” reflicte que, na canle da alimentación, os viños galegos con denominación de orixe melloraron a súa cota de mercado en volume e aínda máis en valor, no pasado ano. Na canle da hostalaría, mentres, os viños de Galicia recuperaron a cota en volume de 2018 e incrementaron a cota en valor.

Canto á subida de prezos en ambas canles, ese incremento fixo que na canle de alimentación se acadara un prezo medio de ata 4,84 euros por botella, moi próximo aos viños rioxanos. No caso da hostalaría, os viños galegos consolídanse como os de maior prezo nesta canle, situándose moi por riba do resto de comunidades autónomas.
 

Imaxes relacionadas