O Sergas ofrece mañá a penúltima sesión do ciclo de conferencias sobre benestar emocional dirixidas aos profesionais da sanidade, centrada no optimismo intelixente

Nesta ocasión será Luis Galindo, escritor, formador e conferenciante experto en desenvolvemento persoal, o responsable de impartir a séptima conferencia do ciclo, titulada “Unha dose de ilusión”

A iniciativa, á que están invitados os 44.000 traballadores do Sergas e entidades adscritas, enmárcase dentro do Plan de intervención psicosocial para o apoio e atención ao persoal do Sergas na pandemia da covid-19
 

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2021

Mañá terá lugar a penúltima das conferencias do ciclo “Coidando o noso benestar emocional” que o Servizo Galego de Saúde está ofertando aos seus traballadores. A charla, titulada “Unha dose de ilusión” é a sétima do ciclo, e correrá a cargo de Luis Galindo.

Nesta sesión, falarase sobre conceptos tales como o sentido do traballo que realizan os profesionais, a esencia do ser humano, o optimismo intelixente (que consiste en ver con obxectividade e á vez que con ilusión) e a busca da excelencia. Ademais, no transcurso desta actividade, veranse distintas ferramentas relacionadas con todos estes conceptos que poden axudar no día a día.

O conferenciante, Luis Galindo, é escritor, formador e conferenciante experto en desenvolvemento persoal, liderado, optimismo intelixente e psicoloxía positiva. Conta con máis de 39 anos de experiencia en postos directivos en diferentes empresas de carácter nacional e internacional de diversos sectores, sempre ao servizo de numerosos equipos humanos. Así mesmo traballa como consultor con 30 empresas do IBEX en 15 países diferentes. Tamén é Reitor da área de conferencias da Universidade HAC, en Nova York.

Con esta sesión, xa son sete as impartidas no ciclo “Coidando o noso benestar emocial”, realizado en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, e enmarcado dentro do Plan de intervención psicosocial para o apoio e atención ao persoal do Sergas na pandemia da covid-19, e que foi posto en marcha pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do departamento sanitario galego. Están invitados a participar os 44.000 traballadores do Sergas e entidades adscritas.

As conferencias teñen lugar ás 18.30 da tarde do primeiro e o terceiro martes de cada mes, entre os meses de marzo e xullo. Emítense en directo na canle de Youtube da Axencia de Coñecemento en Saúde a través da súa web https://acis.sergas.es/ Logo de ser emitidas quedan gravadas e dispoñibles para todo o persoal do Servizo Galego de Saúde nunha sección específica na Aula virtual de ACIS.