O secretario xeral de Cultura coñece o traballo desenvolvido na nova aula audiovisual da Fundación Igual Arte

Posta en marcha co apoio da Xunta, permitiu desenvolver diversas accións artísticas a prol da cultura como vía para a inclusión

Vigo, 31 de maio de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou hoxe a Fundación Igual Arte, onde coñeceu, da man da presidenta da Fundación, Cristina Lago, e do director do centro ocupacional, Marcos Estévez, o traballo desenvolvido na aula audiovisual creada co apoio da Xunta de Galicia.

Así, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade tivo ocasión de visualizar, a través da exhibición dun vídeo, as accións artísticas vinculadas á música e ás artes escénicas realizadas nos últimos meses no novo espazo, como concertos ou obras teatrais, entre outras. Ademais, no percorrido polas instalacións, os responsables do centro tamén mostraron o labor froito das colaboracións establecidas co Goberno galego en anos anteriores.

Na súa intervención, Anxo M. Lorenzo destacou a relevancia de promover a inclusión a través da cultura e das artes, como “vías para o desenvolvemento persoal e da autoestima das persoas con capacidades diferentes”. Segundo explicou, esta é a liña pola que aposta o seu departamento no apoio á Fundación Igual Arte, co obxectivo de contribuír “na transformación da arte nun espazo educativo a prol da mellora das capacidades cognitivas”.