O Sergas pon en marcha mañá unha Unidade de Saúde Mental na comarca do Baixo Miño

Este novo servizo, que está emprazado no centro de saúde de Tui, se enmarca no Plan de Saúde Mental de Galicia que contempla un importante incremento de recursos sanitarios para a Área de Vigo

O equipo está composto por 6 profesionais: 2 psiquiatras, 1 psicólogo, 1 traballador social, 1 enfermeira especialidade e 1 administrativo

Con este novo servizo se mellora de xeito moi significativo a accesibilidade desta poboación ao sistema sanitario, xa que non terán que desprazarse a Vigo para recibir esta atención

Luns, 31 de maio 2021

O Servizo Galego de Saúde pon en marcha mañá, martes día 1 de xuño, unha Unidade de Saúde Mental ambulatoria no centro de saúde de Tui, que será referencia para a poboación adulta dos concellos da comarca do Baixo Miño: Tui, O Rosal, A Guarda, Tomiño e Oia.

O xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, visitou hoxe esta Unidade onde mantivo un encontro cos seus profesionais e asegurou que “con esta nova dotación se mellora de xeito moi significativo a accesibilidade da poboación desta comarca ao sistema sanitario, xa que non terán que desprazase a Vigo a recibir este tipo de atención, dispoñendo neste centro dun equipo de profesionais especializados e dunha completa carteira de servizos para ofrecer unhas prestacións coas máximas garantías”.

Este novo dispositivo sanitario se enmarca no Plan Estratéxico de Saúde Mental 2020-2024 que o SERGAS está acometendo e que contempla un importante incremento de recursos e dotacións para Galicia. En concreto, na Área de Vigo dotarase con outra unidade ambulatoria deste tipo en Ponteares; ademais, nos próximos días vaise abrir unha nova Unidade ambulatoria infanto- xuvenil no Álvaro Cunqueiro; un Hospital de Dia no Nicolás Peña; así como a nova Unidade de Hospitalización de menores xa anunciada no Cunqueiro.

Equipo de 6 profesionais

A nova Unidade de Tui conta cun equipo de 6 profesionais: 2 psiquiatras, 1 psicólogo, 1 traballador social, 1 enfermeira especializada en saúde mental e 1 administrativo . Este equipo atenderá á poboación maior de 16 anos con problemas de saúde mental.

Imaxes relacionadas