Gabriel Alén enxalza a Ourense como un dos destinos turísticos que cadran coas novas tendencias de viaxes trala pandemia

O delegado territorial referiuse á provincia de Ourense como ‘un escenario de dedicación e compromiso coas cousas ben feitas e de calidade en todo o que realizamos e en todo o que propoñemos e ofrecemos, só é posible atopar elementos sorprendentes, orixinais, fantásticos e marabillosos, onde non adoita haber copias nin repeticións’

Gabriel Alén explicou que a revista ‘Coralia’ é unha iniciativa empresarial que contou co apoio do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 e forma parte do abano de contidos creativos de interese cultural en galego que se puxo en marcha ao amparo do Plan de Reactivación ao comezo da pandemia
 

Ourense, 31 de maio de 2021

“Unha terra onde a natureza é o leito vital das xentes do rural; soamente aquí, sobre este escenario de dedicación e compromiso coas cousas ben feitas e de calidade en todo o que realizamos e en todo o que propoñemos e ofrecemos, é posible atopar elementos sorprendentes, orixinais, fantásticos e marabillosos, onde non adoita haber copias nin repeticións”. Deste xeito, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, referiuse ás calidades de Ourense como destino turístico de referencia nas novas tendencias de viaxes trala Covid 19.

Gabriel Alén, asistiu á presentación dun novo exemplar da revista ‘Coralia’, unha iniciativa empresarial que contou co apoio do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 e forma parte do abano de contidos creativos de interese cultural en galego que se puxo en marcha ao amparo do Plan de Reactivación ao comezo da pandemia.

O delegado territorial explicou que a maior parte das iniciativas apoiadas forma parte da modalidade destinada a proxectos musicais, audiovisuais e de artes escénicas, na que se impulsaron 148 proxectos. O eixe temático de dinamización da lingua galega, do patrimonio cultural e proxectos editoriais, literarios e expositivos impulsou a creación de 130 proxectos, dos que máis da metade desenvolvéronse de xeito presencial.

Coa finalidade de ampliar o concepto de destino turístico de Galicia no que se encadra este proxecto, -subliñou o delegado territorial- é necesario atopar novas fórmulas que se adaptasen á nova forma de ver o futuro, o xeito de relacionarse e a forma de consumir trala chegada da Covid-19.

Deste xeito, subliñou o representante do Goberno galego, aumenta e acelera a conciencia de activismo medioambiental e social a través do consumo. As marcas de futuro deberán construírse en torno a un propósito: converter a sostibilidade nunha vantaxe competitiva, e o benestar, a seguridade e a saúde son os tres eixes catalizadores que están guiando o consumo actual.

Ante esta situación, onde as tendencias marcan os camiños, -continuou o delegado territorial- “unha das tarefas á que Coralia sen dúbida contribúe é a de amosar unha terra sen complexos, nin vestimentas artificiais que sabe que pode ofrecer un destino singular e diferencial a quen desexe visitarnos”.

E concluíu, “unha terra onde a natureza, o patrimonio, a cultura, a hospitalidade a integración e a solidariedade non son conceptos illados, vans e artificiais”.

Imaxes relacionadas