Emigración destaca o éxito do obradoiro de lingua e cultura galega en liña desenvolvido nos últimos meses na aula Galiciaaberta

As sesións contaron con máis de 200.000 visualizacións, sendo especialmente seguido en Arxentina, Brasil, Uruguai, Estados Unidos, Suíza, México e, en España, en Madrid e Cataluña

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2021

A Secretaría Xeral da Emigración fixo hoxe balance de “Verbas”, a aula de lingua e literatura galegas que se veu desenvolvendo nos últimos meses e que contou con máis de 200.000 visualizacións ao longo dos 25 obradoiros en liña a través dos que se foi desenvolvendo.

O secretario xeral deste departamento autonómico cualificou o curso como “todo un éxito que axudou a numerosos dos nosos galegos do exterior non só a coñecer mellor a nosa lingua senón incluso a achegarse a ela por primeira vez”.

A iniciativa, foi levada a cabo por Reverso Comunicación, e emitida en directo a través do Facebook live de Galiciaaberta, tódolos luns e xoves dende o pasado mes de febreiro. Ao remate de cada clase, a docente, Concha Diéguez, respondeu ás cuestións que os alumnos lle foron trasladando a través da propia plataforma.

Os obradoiros desenvolvéronse cunha exposición inicial de 60 minutos sobre un tema que sempre veu a colación dun refrán inicial, ofrecendo unha guía gramatical e seguindo o material de apoio aportado anteriormente. Tratáronse así diferentes temas da cultura galega por sesión, como música, literatura, historia, lugares para visitar, profesións... sempre integrado con gramática, vocabulario, comunicación oral en situacións cotiás e ligazóns de interese sobre o tema.

Con este curso, a Secretaría Xeral tratou de ofrecer un espazo para a divulgación da lingua e da cultura galega, crear un lugar para a socialización en galego a través das redes sociais, favorecer a aprendizaxe da lingua e aumentar o interese pola mesma nas persoas galegas que residen no exterior.

En total, as reproducións dos cursos chegaron a superar as 200.000 visualizacións, sendo especialmente seguido en Arxentina, Madrid, Cataluña, Brasil, Uruguai, Estados Unidos, Suíza, México e, en España, en Madrid e Cataluña

Lembrar que os interesados poden volver a velos vídeos a través da web institucional (emigracion.xunta.gal), onde se atopan colgados.