A Xunta colabora coas entidades sociais na posta en marcha de melloras en materia de inclusión en relación co emprego

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, e a directora de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, mantiveron unha reunión con EAPN para coordinar as axudas para o fomento da inclusión social activa

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2021

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, e a directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, mantiveron hoxe unha reunión coa Rede Europea de Loita contra a Pobreza e á Exclusión Social (EAPN) Galicia, na que abordaron diferentes cuestións relacionadas coas melloras en materia de inclusión en relación co emprego, dentro do marco estable de coordinación e participación que se mantén coa entidade.

A xuntanza serviu para analizar a situación actual de empregabilidade das persoas que se atopan nunha situación de vulnerabilidade ou de exclusión social e, de feito, o obxectivo principal da reunión foi coordinar as axudas desde ambas consellerías para o fomento do traballo neste sector. Ademais, tamén se tratou a axilización e a simplificación dos procesos de tramitación das axudas a este colectivo.

O director xeral de Inclusión social e a directora xeral de Emprego destacaron o traballo conxunto que se está a realizar coas entidades sociais para apoiar ás persoas máis vulnerables na materia de emprego, así como para impulsar os novos instrumentos de planificación nas axudas que orientarán as medidas a desenvolver nos vindeiros anos.

Imaxes relacionadas