A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, o conselleiro de Sanidade, Julio García, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, supervisaron a execución do primeiro Centro Integral de Saúde de Galicia, que supón un investimento de 12 M€

A Xunta avanza na execución do novo Centro Integral de Saúde de Lugo, que acada xa o 30% e comezará a funcionar a mediados do vindeiro ano como un equipamento sanitario de vangarda

Ethel Vázquez detalla que o complexo o conforman un centro de saúde e un PAC con urxencias, con 46 consultas; un centro de saúde mental, con 22; e a base do 061

O conselleiro de Sanidade destaca que o CIS garantirá a mellora da atención sanitaria, cunha maior dotación de medios diagnósticos e terapéuticos, e permitirá a resolución de procesos nunha consulta única e sen derivación a outros centros

En relación ás obras, están rematadas as demolicións e a estrutura e as cubertas, xa comezan a colocarse os tabiques e nos vindeiros días chegarán as fiestras

A actuación enmárcase nun proxecto máis amplo para recuperar o Barrio da Residencia e convertelo nun gran espazo público, cun investimento total de 30 M€

Está en execución a Oficina de formación e emprego e en disposición a parcela para a construción da residencia da terceira idade, cun investimento de 12,8 M€

A Xunta apela á implicación do Concello na ordenación do ámbito exterior do barrio, mellorando a mobilidade e a accesibilidade deste novo centro de actividade

Lugo, 31 de maio de 2021

A Xunta avanza nas obras do novo Centro Integral de Saúde de Lugo, que acada o 30% de execución e comezará a funcionar a mediados do ano que vén como un equipamento sanitario de vangarda.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, supervisaron hoxe o avance na construción do primeiro Centro Integral de Saúde de Galicia, que tamén forma parte do proxecto de recuperación do Barrio da Residencia.

Esta actuación estratéxica dispón dun investimento autonómico de 12 millóns de euros e do traballo conxunto das Consellerías de Infraestruturas e de Sanidade coa fin de acadar un servizo amplo, moderno e accesible que garantirá a mellor calidade na asistencia.

Vázquez Mourelle destacou o obxectivo de construír un equipamento que aglutine un centro de saúde moderno e accesible, un PAC con servizo de urxencias, un centro de saúde mental que ocupará o andar -1 e unha base para o 061.

Concretou que será un novo Centro Integral de Saúde con máis de 8.000 m² construídos e máis de 5.500 m² de superficie útil, repartidos en 6 andares, desde o -1 ata o 4.

Nestes andares instalaranse un total de 46 consultas entre o centro de saúde e o PAC, ás que se sumarán outras 22 consultas de saúde mental, configurándose así como un gran espazo de referencia da sanidade pública en Lugo.

Subliñou que a pesar das dificultades que afrontou a construción das obras públicas no último ano como consecuencia da pandemia, o CIS avanza, pois xa están rematadas todas as demolicións e practicamente tanto a obra da estrutura como das cubertas do edificio. Indicou que xa comezan a colocarse os tabiques de pladur e se prevé nos vindeiros días a chegada das fiestras.

Ethel Vázquez avanzou que se agarda poder empezar pronto a traballar nas instalacións, ademais de avanzar no espazo que ocupará a base do 061, xa cimentado.

O titular de Sanidade, pola súa banda, remarcou que o CIS de Lugo “garantirá a mellora substancial da atención sanitaria”, dado que o centro “disporá de maior dotación de medios diagnósticos e terapéuticos, e permitirá a resolución de procesos nunha consulta única e sen derivación a outros centros.

“A nosa aspiración é que a posta en marcha deste Centro Integral de Saúde supoña unha transformación para a atención primaria de Lugo”, unha optimización, engadiu, “semellante á que a posta en marcha do HULA supuxo para a atención hospitalaria”.

Este centro sanitario pioneiro abre o camiño doutras infraestruturas similares, como a que recentemente se comezou a construír en Lalín ou as que a Xunta prevé desenvolver a curto prazo en Vigo e en Ourense. A actuación está cofinanciada nun 80% pola Unión Europea, no marco do programa operativo FEDER 2014-2020.

Recuperación do Barrio da Residencia

O Goberno galego enmarca esta infraestrutura sanitaria nun proxecto máis amplo para recuperar o antigo Barrio da Residencia e convertelo nun gran espazo público de servizos para os veciños de Lugo, o que suporá un investimento total de 30 millóns de euros.

Ademais deste Centro Integral de Saúde, está en execución a Oficina de formación e emprego, que supón un investimento de 2,6 millóns de euros e unificará nun único espazo o desenvolvemento de novas capacidades e a busca de oportunidades laborais.

A conselleira tamén sinalou que xa está demolido o antigo hospital xeral, polo que a parcela queda dispoñible para construír a nova residencia da terceira idade, que ofrecerá 120 novas prazas e suporá un investimento de 12,8 millóns de euros.

Tamén adiantou que nas vindeiras semanas dará comezo a construción da central de biomasa, unha vez completada a demolición da demolición da antiga lavandería do Sergas.

Apelou á implicación do Concello de Lugo na ordenación de todo o ámbito exterior do barrio en canto á mellora da mobilidade e da accesibilidade, dado que esta contorna será un novo centro de actividade.

Imaxes relacionadas