A Xunta adxudica por preto de 700.000 € os servizos para a elaboración de plans municipais de abastecemento autónomo nos concellos galegos de menos de 5.000 habitantes

Trátase de dotar ás entidades locais de información sobre o nivel de garantía do abastecemento de auga potable á súa poboación e dun instrumento de planificación para a mellora da prestación deste servicio, de competencia municipal

Augas de Galicia seleccionará entre as entidades locais interesadas os seis municipios nos que se elaborarán estes plans que, en conxunto, sumarán un máximo de 200 sistemas veciñais de abastecemento de auga de consumo

En Galicia case un 25% da poboación consume auga a través de redes veciñais ou autoabastécese mediante pozos ou mananciais privados

A Xunta busca fortalecer a sustentabilidade das pequenas subministracións nas comunidades rurais dispersas que carecen de auga potable

O departamento presidido por Ethel Vázquez habilitou o pasado ano unha nova liña de axudas para a mellora das instalacións en traídas veciñais
 

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar os servizos para a elaboración de plans municipais de abastecemento autónomo nos concellos galegos do menos de 5.000 habitantes.

O contrato foi adxudicado á empresa Idom Consulting Engineering Architecture, S.A.U por preto de 700.000 euros. O prazo de execución é de 18 meses.

A iniciativa da Xunta persegue que os concellos dispoñan de información detallada sobre o nivel de garantía do abastecemento de auga potable á súa poboación, máis alá das súas redes municipais, e que conten cun instrumento básico para planificar as intervencións de mellora precisas, que redundará na mellora da prestación deste servicio básico, de competencia municipal.

Mediante este contrato, o persoal de Augas de Galicia contará co apoio técnico nos traballos de elaboración de plans municipais de abastecemento autónomo en 6 concellos distribuídos por toda Galicia que, en conxunto, sumarán un máximo de 200 sistemas veciñais de abastecemento de auga de consumo.

O desenvolvemento dos Plans

Os obxectivos específicos do desenvolvemento destes plans son, en primeiro lugar, mellorar o coñecemento sobre os sistemas de abastecemento autónomo de cada un dos concellos, a poboación abastecida por eles, o nivel de garantía do servizo que prestan e as súas vulnerabilidades. Esta primeira parte, permitirá a continuación, identificar e priorizar as actuacións necesarias en materia de abastecemento autónomo nos distintos concellos.

Para levar a cabo esta iniciativa, Augas de Galicia lanzou o pasado mes de abril unha convocatoria dirixida aos concellos de menos de 5.000 habitantes para promover a implantación dos correspondentes plans municipais de abastecemento autónomo.

Entre as expresións de interese recibidas desde os concellos, a entidade hidráulica da Xunta seleccionará os concellos máis axeitados para o desenvolvemento dos plans, financiando a análise de ata 200 pequenos sistemas de abastecemento de auga de consumo nestes municipios.

Augas de Galicia tamén dirixirá e supervisará os traballos de elaboración, acompañará e asesorará aos concellos durante todo o proceso e divulgará os resultados, fomentando a elaboración de máis plans municipais de abastecemento autónomo.

Os concellos seleccionados contribuirán á elaboración do plan de abastecemento autónomo subministrando a información e recompilando os datos necesarios, actuando como enlace coa poboación beneficiaria, informándoa en todo momento dos avances e promovendo a súa implicación.

Ademais, as entidades locais comprométense a aprobar no pleno municipal a participación na elaboración dos plans e, unha vez elaborado, a tramitar e, no seu caso, aprobar o propio plan municipal de abastecemento autónomo.

Este programa xorde como resultado do desenvolvemento do proxecto europeo LIFE12 ENV/ERES/000557 Rural Supplies, promovido polo Concello de Abegondo, Augas de Galicia e a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. Grazas ao proxecto piloto desenvolvido en Abegondo, comprobouse a viabilidade técnico-económica dos sistemas autónomos de xestión veciñal, en contraposición cos centralizados de titularidade pública, na dotación dos servizos da auga ás localidades do rural disperso.

Fortalecemento do modelo autónomo de abastecemento rural

Cómpre destacar que actualmente en Galicia máis de 580.000 persoas, sobre unha poboación de 2,7 millóns, consumen auga a través de solucións autónomas. Un 10% dos galegos abastécese a través de redes veciñais e un 13% autoabastécese mediante pozos ou mananciais privados.

Neste contexto, nos últimos anos a Xunta ten entre un dos seus obxectivos estratéxicos fortalecer a sustentabilidade das pequenas subministracións nas comunidades rurais dispersas que carecen de auga potable, como modelo alternativo á municipalización dos servizos en poboacións moi pequenas e dispersas, que se demostrou, en xeral, moito menos eficaz para estes lugares.

Así, Augas de Galicia está traballando en dúas liñas para o fortalecemento do modelo autónomo de abastecemento.

Por unha banda, apoiando economicamente ás comunidades de usuarios por medio da nova liña de subvencións que se iniciou o ano pasado, para mellorar instalacións e procesos que repercutan nunha maior garantía sanitaria da auga abastecida en traídas veciñais.

Doutra banda, con este novo programa que pretende implicar en maior medida aos concellos, como responsables últimos do abastecemento nos seus termos municipais, así como as propias comunidades de usuarios de augas, por medio da implantación de plans municipais de abastecemento autónomo.