O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, presentou en Lalín o Programa de Impulso á Innovación nas Pemes

Galicia destina 12M€ a unha iniciativa para axudar a 15.000 pemes e microempresas a investir en innovación

A Xunta porá o foco nas empresas con potencial para innovar que aínda non o fixeron e naquelas situadas en núcleos non urbanos

Actuará a través de cinco eixes centrados na oferta de servizos próximos e personalizados, o impulso de redes locais, o fortalecemento das habilidades de innovación, o reforzo dos actuais instrumenos de apoio ou a creación dun observatorio

No acto participaron Cartogalicia, Proquideza e Mercantia, tres casos de éxito que explicaron as súas experiencias

Un exemplo das medidas coas que xa conta o Goberno galego é o Programa InnovaPeme –cuxo prazo de solicitude está aberto ata o 7 de xuño– co que xa se apoiaron 124 pemes

Lalín (Pontevedra), 31 de maio de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en Lalín na presentación do Programa de Impulso á Innovación nas Pemes ao que a Xunta destina 12M€ co obxectivo de beneficiar a 15.000 pequenas e medianas empresas, así como a microempresas.

No acto, ao que asistiron 200 pemes de xeito presencial e en liña, participaron Cartogalicia, especializada no sector dos vehículos aéreos non tripulados; Proquideza, dedicada ao desenvolvemento de productos químicos para agroalimentación e limpeza industrial; e Mercantia, que traballa na rama da nutraxenómica, tres casos de éxito que explicaron as súas experiencias.

Na súa intervención, Conde destacou a importancia de innovar como unha clave para saír da crise, contar cun tecido empresarial máis competitivo e sustentable, e facer fronte aos retos da transición ecolóxica e a transformación dixital. Innovar é o que vai determinar a capacidade dunha empresa para diferenciarse, achegar valor, adaptarse e medrar.

Tal e como explicou, o novo programa pretende estender e facer partícipes do ecosistema de innovación ás pequenas e medianas empresas galegas, para consolidalo e que todos os sectores e tamaños de compañías estean representados -precisamente involucrar ás pemes é un dos obxectivos que se perseguen tamén a través dos proxectos da candidatura galega aos Next Generation, xa que supoñen o 99 % do noso tecido empresarial-. Prevese chegar a 7.400 de entre 10 e 249 empregados e a máis de 7000 de máis de 5 empregados.

Para conseguilo actuarase ao redor de cinco eixes: ofrecer servizos próximos e personalizados –con reunións e unha ferramenta de asesoramento–, impulsar redes locais de innovación –a través da colaboración cos axentes locais e promovendo foros de innovación con empresas tractoras–, fortalecer as habilidades de innovación –impulsando ciclos formativos–, reforzar instrumentos de apoio –con novos programas como un de deseño para a innovación ou unha aceleradora de comercialización e internacionalización da innovación– e crear un observatorio de innovación para a elaboración de estatísticas, estudos de tendencias e creación de mapas de axentes tanto de coñecemento como colaboradores.

Entre os instrumentos que xa están a disposición das empresas, Conde fixo balance de InnovaPeme, un programa que leva promovendo a cultura innovadora desde 2017 e que xa permitiu axudar a 124 pemes –catro de cada cinco non recibira antes axudas deste tipo– con apoios de 10,6M€ que están mobilizando 21,2M€ e mantendo 618 postos de traballo. Actualmente a convocatoria para presentar solicitudes está aberta ata o 7 de xuño.

Con todas estas medidas trátase de contar con máis pemes innovadoras, xa que segundo os datos do INE, Galicia ocupa a oitava posición en empresas con sede aquí que investiron en innovación durante o período 2017-2019, en total 1665 empresas innovadoras.

O vicepresidente económico finalizou asegurando que a misión da Administración autonómica é facer accesible a innovación para calquera empresa, avogou pola colaboración público-privada e sinalou os novos campos para a transformación económica das empresas que abre o sector das TIC.

Imaxes relacionadas