A Xunta avanza na xestión das axudas relacionadas coa mellora e o coidado da biodiversidade e os recursos mariños

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, asinaron hoxe un convenio de colaboración entre ambos departamentos da Xunta para o desenvolvemento dun sistema de información destinado á xestión de axudas relacionadas coa mellora e o coidado da biodiversidade e os recursos mariños. Deste xeito o Executivo autonómico busca avanzar e axilizar a tramitación destas achegas.

En concreto os apoios que abarca esta colaboración son aqueles destinados a proxectos colectivos, por unha banda, para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades sustentables e, por outra banda, a aqueles que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental.

O sistema que se desenvolverá será para avanzar en procesos como recepción, rexistro, comprobación e resolución das solicitudes presentadas, xestión de modificacións, xustificacións e requerimentos e tamén integración coa tramitación electrónica, entre outros trámites. A esta colaboración a Consellería do Mar destinará un total de 280.000 euros e a súa vixencia estenderase desde a sinatura do convenio ata o 30 de marzo de 2023.

Isto súmase aos proxectos que desenvolven conxuntamente a Consellería do Mar e a Amtega como Primare de dixitalización das lonxas, con 29 rulas xa en funcionamento, que serán 35 ao final deste ano; e outros relacionados co acceso en mobilidade aos documentos de trazabilidade, novos sistemas de xestión para acuicultura, licencias de pesca deportiva, ou a pilotaxe realizado con tecnoloxía blockchain para o control de produtos coa marca de calidade pescadeRías ¿de onde se non?.

Imaxes relacionadas