O 061 de Galicia asistiu a 62 persoas por 41 accidentes de circulación durante a fin de semana

Desde as 15,00 horas do venres, 28 de maio, ata as 23,59 horas do domingo, 30 de maio, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 54 chamadas por accidentes de tráfico

A Estrada (Pontevedra), 31 de maio de 2021

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana 62 persoas debido a 41 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 28 de maio, ata as 23,59 horas do domingo, 30 de maio. O día que rexistrou máis incidentes foi o sábado con 17 sinistros.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 54 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 41 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 62 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 51% e do 49% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 36% dos atendidos tiña entre 15 e 29 anos.

Por provincias, A Coruña foi a que máis sinistros rexistrou con 18 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Provincia
Accidentes
A Coruña
18
Lugo
10
Ourense
5
Pontevedra
8
Galicia
41

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 49. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en dous accidentes, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 41 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en catro accidentes. As ambulancias convencionais atenderon en dúas ocasións.

En 48 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en 13 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa resultou falecida no punto.

Imaxes relacionadas