A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural asistiu á 21ª Mostra do aceite de Quiroga

Inés Santé pon en valor o aceite de Quiroga e a aposta deste concello lugués polos produtos agroalimentarios de calidade como clave para a potenciación do rural

A directora xeral visitou os postos dos seis colleiteiros que participan nesta edición da Mostra, declarada de interese turístico

O aceite de Quiroga caracterízase por proceder principalmente das variedades de oliveiras autóctonas Mansa galega e Brava galega, así como doutras secundarias de cultivo tradicional na zona
 

Quiroga (Lugo), 30 de maio de 2021

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, asistiu este mediodía á inauguración da 21ª Mostra do aceite de Quiroga, na parroquia de Bendillo deste municipio lugués. Na súa visita a este evento declarado de interese turístico aproveitou para poñer en valor tanto o produto homenaxeado como a aposta do Concello polos produtos agroalimentarios de calidade como clave para a potenciación do rural.

Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, a directora xeral visitou os postos dos seis colleiteiros que participan nesta edición da Mostra, onde puido comprobar que o aceite de Quiroga se caracteriza por proceder principalmente das variedades de oliveiras autóctonas Mansa galega e Brava galega, así como doutras secundarias de cultivo tradicional na zona.

A produción do aceite de Quiroga concéntrase sobre todo no val de Quiroga, aínda que tamén se estende por certos sectores dos vales que discorren paralelos ao río Quiroga ata que desemboca no Sil. O produto destaca pola intensidade do seu sabor a oliva -especialmente cando aumenta a proporción de variedades locais- e polos aromas que van dende a herba acabada de cortar ou a mazá -no caso das variedades autóctonas- ás améndoas e outros froitos secos e maduros, a medida que aumentan as variedades secundarias. Canto á cor, sitúase no rango dos amarelos que tiran cara ao verde ao comezo da campaña e cara ao amarelo dourado co paso do tempo.

Inés Santé destacou que no ano 2000 se celebrase a 1ª Mostra do aceite de Quiroga e que dende entón se veña celebrando de xeito ininterrompido agás en 2020, cando se suspendeu por mor da pandemia pola covid-19. Desta vez, o evento volve ter lugar ao carón dun muíño de aceite tradicional, no que se ofrecen demostracións de moenda durante toda a xornada. Cabe sinalar que a comezos do século a produción de aceite de Quiroga estaba cifrada nos 9.000 litros pero co paso dos anos aumentou tanto o número de plantacións como de litros producidos.

Imaxes relacionadas