A Xunta recibe 32 ofertas aos contratos de conservación e vialidade invernal das estradas autonómicas de Lugo nos vindeiros 4 anos, que suporán un investimento de 40,7 M€

O delegado territorial, Javier Arias, destacou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade incrementou nun 18% o orzamento destinado a garantir a seguridade en case 1.500 quilómetros de rede viaria na provincia

Lugo, 30 de maio de 2021

A Xunta recibiu un total de 32 ofertas para os dous contratos que garantirán a conservación ordinaria e a vialidade invernal da rede viaria autonómica na provincia de Lugo durante os vindeiros 4 anos, que suporán un investimento conxunto de 40,7 millóns de euros.

O delegado territorial da Administración galega, Javier Arias, explicou que se presentaron 16 ofertas para o contrato de conservación das estradas na zona de Lugo norte, que conta cun orzamento de 19,7 millóns de euros, e outras 16 para o de Lugo sur, ao que se destinan 20,9 millóns.

Arias lembrou que o investimento aumenta nun 18,6% en relación cos actuais contratos, o que supón un incremento medio de case 1,6 millóns de euros por anualidade. “O obxectivo da Xunta -afirmou- é manter nas mellores condicións os case 1.500 quilómetros das 117 estradas que conforman a rede autonómica na provincia de Lugo, para garantir a seguridade viaria e propiciar desprazamentos máis cómodos e seguros aos usuarios”.

Ao mesmo tempo, favorécese o mantemento do emprego coa promoción de obra pública, dado que os contratos permitirán subrogar ao persoal que viña desenvolvendo estas tarefas coa fin de preservar a estabilidade dos postos de traballo e conservar a antigüidade dos empregados.

O programa de conservación ordinaria permite unha vixilancia e control das estradas autonómicas para detectar anomalías e corrixilas o antes posible. No marco destas actuacións, lévanse a cabo melloras de firme ou reparacións de pontes, obras de paso ou noiros de menor entidade; tamén reposición da sinalización ou das barreiras de seguridade, a limpeza e mantemento dos elementos de drenaxe das estradas ou o repintado da estrada e dos elementos que as conforman.

Igualmente, forman parte destas actuacións os traballos de roza periódicos para o control da vexetación e para garantir unha boa visibilidade; nesta ocasión increméntanse nun 33% as limpezas e rozas manuais ou mecánicas para o control da vexetación nas marxes das estradas, fronte a outros métodos como os herbicidas, o que supón un incremento das partidas que se reflicte no importe de licitación.

 

Os contratos tamén blindan a atención das emerxencias que se poidan producir na rede de estradas da Xunta. Así, realízanse limpezas de aceites na calzada, retíranse animais mortos ou árbores caídas ou sinalízanse incidentes que condicionen o tráfico.

Esta licitación abrangue o programa de vialidade invernal, que todos os anos se activa en novembro e se prolonga ata abril, dispoñendo os medios materiais e humanos para garantir as condicións de circulación ante os efectos da climatoloxía adversa.

Conservación extraordinaria

Tan importante como executar novas estradas o é conservar en bo estado as existentes, polo que estes traballos de conservación ordinaria e vialidade invernal da Xunta se complementan con outras actuacións extraordinarias.

Neste sentido, o Goberno galego vén desenvolvendo iniciativas como a Estratexia de eliminación de treitos de concentración de accidentes, na que está a investir 15 M€.

Tamén está en marcha o Programa de inspección de pontes e obras de paso, que o pasado ano se estendeu aos muros e noiros das estradas autonómicas.

Ademais, a Consellería de Infraestruturas traballa co obxectivo de chegar neste 2021 aos 22,3 M€ de investimento en melloras de firme, o que reflicte a intensidade da Xunta na atención ao estado das estradas da súa titularidade.